O Concello recomenda un uso responsable da auga por mor da seca

11-10-2017
parque Tilos

O Concello de Teo decidiu hai varias semanas deixar de regar as zonas verdes públicas. Esta decisión adóptase á vista da alarmante situación de seca que estamos padecendo. Teo pertence á Demarcación Galicia-Costa, que neste momento ten decretada a alerta por seca por parte da Xunta de Galicia. Segundo explica o concelleiro de Servizos Básicos, Xurxo Francos, "hai case un mes acordouse deixar de regar as zonas verdes públicas pola seca e porque entrando no mes de setembro supoñíamos que a humidade das noites chegaría para manter estes espazos nun estado axeitado". 

Lamentablemente a situación meteorolóxica, con semanas seguidas sen chovia e moito calor nos últimos días, pode provocar que estas zonas sufran un deterioro. Sen embargo "decidimos manter a restricción destes regos xa que situación xeral é moi preocupante" indica o edil.

Os espazos nos que xa non se está regando son os entornos das escolas infantís de Calo e A Ramallosa; a Casa do Concello, o entorno do cemiterio municipal, o da Mediateca e as zonas verdes dos Tilos, San Sadurniño, da urbanización das Camelias, dos Carballos e das Torres. Trátase de parques nalgún caso cunha extensión importante. O parque central dos Tilos ten 20.000 metros cadrados e a zona verde de San Sadurniño 12.000 metros cadrados. Dende o Concello "queremos pedir que a cidadanía tamén faga un uso responsable da auga sobre todo en temas como os regos e as piscinas".

Altas en Augas de Teo

Por outra banda durante este verán detectouse no servizo municipal Augas de Teo un incremento na solicitudes de alta do servizo de abastecemento municipal. Entre maio e setembro do ano pasado déronse 44 altas no servizo mentras que nos mesmos meses deste ano chegaron a 90, máis do dobre. Este incremento, en gran parte explícase pola seca de pozos e traídas particulares este verán que obligaron a moitas persoas a darse de alta no servizo municipal. Un exemplo máis de como nos está afectando a seca.