O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello publica a convocatoria das bolsas e ensino e transporte para o curso actual

| compartir:

A concellaría de Educación publica a convocatoria municipal das bolsas de ensino e transporte para o curso actual, 2017/18. O prazo para solicitar as axudas está aberto dende o 5 de outubro e remata o 3 de novembro. As solicitudes deben entregarse, debidamente cubertas e coa documentación que se solicita, no rexistro xeral do Concello dentro do citado prazo.

Segundo explica a concelleira de Educación, Pilar Faxil, "estas axudas son unha aposta do Concello de Teo por fomentar o ensino público en Teo". O orzamento que se adica a esta convocatoria é de 35.000 euros. 

Beneficiarios

Os beneficiarios desta convocatoria son en Primaria e infantil: alumnado de CEIP A Ramallosa, Os Tilos, Calo e CRA; en ESO: IES de Cacheiras e Pontepedriña; en FP OU PCPI: calquera centro público; en Bacharelato: IES de Cacheiras , IES de Pontepedriña e o alumnado que curse noutro IES algunha modalidade de Bacharelato que non exista nos centros anteriores; Universitarios: calquera universidade galega e Ensinanzas de réxime especial-Ensinanzas artísticas superiores: Calquera centro galego.

A contía das bolsas para estudos é de 100 euros para educación infantil, 1º a 6º de primaria, ESO ou PCPI; de 150 para estudantes de Bacharelato, FP ou alumnado con necesidades especiais e de 200 para estudantes universitarios ou de ensinanzas artísticas superiores.

Transporte

O importe da axuda de transporte determinarase en función da distancia entre a vivenda e o centro educativo. Os estudantes que estuden nun centro situado en Santiago e nos 18 concellos que forman a área de influencia do trasnporte metropolitano terán unha bonificacion do 50% do custo do viaxe para 40 expedicións ao mes. Esta bonificación pódese pedir entre os 18 e os 25 anos. Ata os 18 anos os/as usuarios/as pódense beneficiar da tarxeta xente nova que permite realizar as viaxes interurbanas de balde.

Por outra banda as persoas matriculadas nalgún centro fóra da área de influencia do transporte metropolitano de Santiago poden solicitar a axuda de transporte do Concello que pode chegar aos 200 euros.

Valoración de solicitudes

Segundo se establecen nas bases que rexen a convocatoria as solicitudes cunha renda per cápita familiar de 0 a 4.000 euros terán 6 puntos, as de 4.001 euros a 5.000 euros 4 puntos e as de 5.001 a 6.000 euros terán 2. As rendas per cápita superiores a 6.000 euros non terán dereito a axuda de ensino eas que superen os 4.000 euros per cápita non dereito á axuda de transporte. Ademais da renda teranse en conta as seguintes circunstancias sempre que se poidan acreditar un certificado. Se algún membro da unidade familiar ten unha minusvalía igual ou superior ao 33%, puntuarase esta circunstancia con 2 puntos adicionais. Cando o/a pai/nai ou titor/a acrediten a situación de desemprego durante máis de seis meses no ano 2017 incrementarase a valoración con 2 puntos adicionais.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, e unha vez valoradas pola Comisión, publicarase no taboleiro de edictos e na páxina web a lista provisional cun prazo de dez días hábiles para subsanar documentación as solicitudes que non estean completas. 

 

bolsas ensino

Arquivos descargables