O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO PON EN VALOR A FIGURA DE MANUEL MARÍA MEDIANTE UN REPARTO DE CHAPAS PARA PRENDER NA ROUPA

| compartir:

O Servizo de Normalización do Concello de Teo preparou unha actividade para divulgar a figura de Manuel María e o Día das Letras Galegas entre a comunidade escolar e a poboación xeral. A actividade centrouse na creación de dous modelos de chapas para prender na roupa na que se visibilizan dous dos versos máis coñecidos deste autor, ademais da imaxe do seu rostro caracterizado e do cancelo #Teocoalingua. Mediante esta etiqueta preténdese conseguir difusión a través das redes socias Facebook, Twitter e Instagram por medio dunha fotografía da chapa en diferentes persoas e en lugares dispares xeograficamente.

Estas chapas entregounas hoxe a concelleira de Educación, Pilar Faxil, entre a comunidade escolar teense matriculada nos tres CEIPs municipais e no CRA. Pilar Faxil visitou persoalmente o alumnado dos colexios de Calo, Os Tilos e A Ramallosa, ademais da escola unitaria do Raxó en representación do CRA teense e compartiu cos nenos e nenas un faladoiro sobre esta actividade e sobre o poeta Manuel María e o Día das Letras.

 

Ademais da comunidade escolar, obsequiarase cunha chapa a cada persoa que asista ás actividades culturais que arredor do Día das Letras se realizarán no Concello de Teo.

 

Estas actividades culturais terán presente a música, co concerto de Pablo Díaz, Xente miúda, moita fartura, para un público familiar no Auditorio da Ramallosa o 15 de maio ás 12 horas; tamén as lecturas dramatizadas con tres sesións a cargo do Grupo de Lecturas Dramatizadas. A primeira delas será o 14 de maio, coincidindo co Mercado Labrego dos Tilos, onde representarán textos teatralizados; o 16 de maio, na Biblioteca dos Tilos, realizarán unha velada poético-musical na que compartirán escenario con Xoán Curiel e o Obradoiro de Guitarra municipal e, novamente, os sábados 21 e 28, coincidindo co Mercado dos Tilos, leran textos da narrativa e da poesía infantil de Manuel María, respectivamente. A Biblioteca dos Tilos tamén será o lugar no que Soledad Felloza expoñerá o espectáculo infantil Manuel María e o vento e a palabra, o venres 27 ás 18 horas. Por último, a Aula de Informática municipal impartirá o obradoiro A Primavera das Letras, dirixido a nenos e nenas de 5 a 10 anos, os luns do mes de maio de 17 a 18.30 horas. Durante esta semana as persoas interesadas tamén poden achegarse á Mediateca do Grilo onde poderán gravar lecturas de poemas do autor que nos próximos días se irán subindo ás redes co cancelo #Teocoalingua

 

Outros programas de normalización

 

Por outra banda o programa Apego vai ser o vindeiro referente no traballo de normalización lingüística que está desenvolvendo o Concello de Teo. Apego trátase dun programa  que ten como obxectivo primordial o de afianzar a utilización da lingua galega dende que os nenas e nenas nacen ata que cumpran os seis anos. Para iso, faráselles entrega aos pais e nais dunha caixiña que inclúe un libro-guía con recursos para a crianza en lingua galega, un álbum para as lembranzas do primeiro ano de vida, un medidor, un adhesivo para o coche e un “apego” ou mascota personalizada para o proxecto, así como un CD de música infantil. Ademais diso, dotarase aos pais e nais de recursos e materiais e realizarase un seguimento da inclusión dos nenos e nenas mediante xogos e actividades. Esta iniciativa ten a previsión de que comece a desenvolverse  en Teo a comezos do verán.

escolares raxo