O CONCELLO ORGANIZA UNHA SAÍDA PARA RECOLLER HERBAS DE SAN XOÁN NA TARDE DO 23 DE XUÑO

19-06-2015
teo

A concellaría de Participación Veciñal, dirixida por Ignacio Iglesias, organiza para a tarde do martes 23 de xuño unha saída para recoller herbas de San Xoán. Todas as persoas que queiran participar desta tradición e saber algo máis da súa orixe para cumprir cun dos rituais da noite de San Xoán poden animarse xa que non é preciso anotarse.

O grupo sairá ás 19:00 horas dende os muíños de Vilaverde (Calo), preto da estación de tren de Osebe. Segundo destaca o edil Ignacio Iglesias estarán acompañados por Eva Villar, perito agrícola, que fará de guía para poder coñecer algo máis das herbas de San Xoán e sobre todo identificalas.

Cacharelas

Por outra banda na noite do martes moitas cacharelas arderán en Teo. Segundo os datos do Departamento de Medio Ambiente case 300 persoas comunicaron a intención de realizar unha. Algunhas das cacharelas son colectivas pero a maioría particulares e mesmo se realizan no fin de semana anterior ou posterior ao 24 de xuño.

Dende o Concello lémbrase a importancia de manter as medidas de seguridade óptimas para evitar incidentes, sobre todo coas xornadas de calor destes días. O lume non debe superar os 8 metros de perímetro e os 3 de altura, a separación entre o lume e edificios ou árbores debe ser alomenos de 12 metros e está prohibido queimar pneumáticos, pásticos, espumas de poliuretano, aceites ou calquera sustancia que desprenda fume tóxico.

Por outra banda hai que ter especial coidado en deixar o lume totalmente apagado antes de abandonar o lugar no que se faga a cacharela, non facela debaixo de tendido eléctrico ou telefónico así como nas proximidades de locais que teñan produtos inflamables, e no caso de facela en terreos públicos enlousados debe protexerse o pavimento cunha capa de area dun grosor suficiente para evitar o seu deterioro.