O CONCELLO ORGANIZA A FEIRA LOCAL DE SEGUNDA MAN O 12 DE DECEMBRO NO PAVILLÓN DA RAMALLOSA

26-11-2015
teo

O Concello de Teo organiza a Feira local de segunda man o próximo sábado 12 de decembro. Trátase dun mercado cidadán aberto á participación de asociacións e particulares e realizarase no pavillón polideportivo da Ramallosa. Calquera entidade ou persoa interesada en participar pode pórse en contacto co departamento de participación veciñal, que coordina a actividade, nos seguintes números de teléfono: 981 809 707 ou 981 815 700.

Segundo explica o concelleiro Ignacio Iglesias “a feira organízase baixo a premisa de reducir, reutilizar e reciclar xa que seguramente cousas que nós xa non usemos teñan utilidade para outras persoas”. Faise tradicionalmente unhas semanas antes de nadal xa que entre os postos é sinxelo atopar libros, xoguetes, artesanía…

 

O horario da feira será de 12:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas e durante a xornada haberá animación para os máis pequenos/as dende as 13:00 horas. Cara o mediodía tamén actuará Alvariza e xa pola tarde ás 18:00 horas contaremos cos Contos e cantos do bardo Abelardo.