O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO LOGRA RECUPERAR UNHA FRECUENCIA DE TARDE NO AUTOBÚS DO CORREDOR DE CACHEIRAS

| compartir:

As xestións e reclamacións efectuadas polo goberno municipal logran que a empresa de transportes Donado Campos restitúa unha expedición de tarde que suprimira a finais de xuño de maneira unilateral e sen autorización. Trátase do servizo das 17:30 horas dos días laborais entre Santiago e Pontevea polo corredor de Cacheiras.

A concelleira de Transporte, Conchi García, explica que a reclamación presentada ante a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta defendía a restitución do servizo “porque estaba recollido na resolución da Xunta de finais de 2014 que harmonizara o servizo de autobuses que se debe prestar na estrada AC-841”. A reclamación municipal reiterouse de maneira oficial por divferentes canles “e finalmente comunícannos que a expedición foi restituída”.

 

A cancelación do servizo a finais de xuño foi incluída pola empresa no seu cadro de horarios para os meses de verán. A compañía non só deixaba de prestar expedicións consideradas exclusivas do periodo lectivo, senón que eliminaba esta expedición, non vinculada ao periodo lectivo, e ademais manifestou a súa intención de eliminala definitivamente. Consultada polo Concello, a Dirección Xeral de Mobilidade negou sempre ter autorizado a suspensión do servizo.

 

Expedicións do sábado

O Concello tamén presentara reclamacións por dúas expedicións suspendidas o sábado pola mañá no mesmo corredor, unha de ida e outra de volta. Neste caso, a Xunta aínda non ofreceu resposta. Este cambio efectuarase mediante unha autorización de contrato o ano pasado, se ben para o Concello só resultou visible cando recibiu notificación expresa. Existen serias dúbidas sobre a súa lexitimidade .

 

A concelleira de Transporte reitera que o Concello de Teo insistirá na defensa do transporte público, por canto estes recortes resultan moi prexudiciais para a poboación do corredor da AC-841, con núcleos tan importantes como os da Ramallosa, Cacheiras ou Montouto. O servizo de autobús é necesario para garantir a mobilidade da xente, en especial das persoas que o precisan para a súa actividade laboral.

 

Liña interior

Por outra parte, o Concello de Teo confirma que se reactiva o proceso administrativo previo á posta en marcha da liña interior municipal, que se financiará con fondos municipais.

 

O procedemento iniciárase hai uns meses, pero tivo que ser paralizado temporalmente por unha sentenza do Tribunal Supremo que anulaba o artigo 1 da Lei 5/2009, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia. Esa parte da lei ampliaba por dez anos a vixencia dos contratos de transporte público en toda Galicia.

 

A sentenza fixo que a maioría dos contratos do mapa de concesións de transporte en Galicia quedasen extintos. Por tanto, tampouco podían modificarse, o que detivo o proceso, porto que cómpre ter en conta e que a liña interior de Teo se proxecta mediante a modificación de contrato como incorporación de novos servizos.

 

A situación desbloqueouse coa entrada en vigor da nova Lei 10/2016, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público. Esta norma rehabilitou os contratos de maneira temporal, ata que se elabore un plan de transporte público en Galicia e se liciten de novo os contratos. Como ninguna das empresas interesadas na liña interior presentou renuncia no prazo fixado pola lei, o proxecto municipal segue agora adiante.

transporte Teo