O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO LANZA A INICIATIVA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ TEO 30 COMO ARRANQUE DA REVISIÓN DO PXOM

| compartir:

A concelleira de Urbanismo de Teo, Uxía Lemus, presentou esta mañá a iniciativa de participación cidadá Teo30, coa que se inicia o proceso de revisión do PXOM de Teo. Trátase dun proceso innovador que se levará a cabo nos tres próximos meses no que se agarda contar coa opinión da cidadanía sobre o Teo que quere para as vindeiras décadas.

A concelleira estivo acompañada de Marcos Pérez, da Fundación Galicia Sustentable, encargada do desenrolo desta iniciativa. Dende hoxe xa se pode entrar na web www.teo30.com e nas redes sociais creadas con ese perfil en twitter, facebook e instagram.

Uxía Lemus explica que se trata “dun proceso para que a cidadanía defina o modelo do Concello que quere dende un punto de vista moi amplo e atendendo tamén a eficiencia ambiental e á cohesión social, non centrándose en temas moi concretas do urbanismo”. Este traballo ten que servir de marco para os futuros traballos do equipo redactor do PXOM de Teo.

Na rolda de prensa lembrouse que o Plan Xeral de Teo está anulado parcialmente por unha sentenza e necesita realizarse esta revisión. A concelleira aproveitou para explicar que unha vez rematado o Teo 30, no mes de abril, procederase á licitación da redacción do Plan Xeral. Tamén aproveitou para lembrarlle á Conselleira de Urbanismo o seu compromiso co Concello “xa que no seu momento nos dixo que asumiría parte do custo deste novo documento urbanístico para Teo tendo en conta que a culpa de que o Plan estea anulado non é municipal” explica Lemus.

O Teo 30 está impulsado polo Concello de Teo e implementado pola Fundación Galicia Sustentable. Este proceso desenvolve un enfoque inclusivo no que as voces dos habitantes dun territorio son escoitadas en relación ao deseño de medidas de xestión adaptadas a realidade local.

A través de distintas fases e múltiples accións, búscase espertar o interese da poboación na definición do Teo que queren no horizonte do ano 2030, un prazo o suficientemente amplo como para non centrarse en cuestións moi concretas do interese de cada particular.

Innovación

Este programa piloto debe servir no proceso de elaboración e aprobación do PXOM de Teo ao tratar de establecer unha relación corresponsable entre a poboación, o persoal técnico e a corporación municipal. O programa deberá ter uns resultados finais de balance que deben ser trasladados ao PXOM.

Fases do programa

O programa terá varias fases durante os próximos meses. Na primeira faranse entrevistas con persoas claves, entre os que están as asociacións veciñais, grupos políticos, técnicos municipais…Ademais comezarase a difusión do programa a través da plataforma web www.teo30.com e as redes sociais. Na web hai enquisas e realizarase tamén unha recollida de información.

Posteriormente realizaranse outro tipo de accións a través de obradoiros e accións divulgativas, enquisas a pé de rúa, sesións de traballo con docentes, un concurso de fotografía sobre o Concello. Estas accións rematarán nun evento final con mesas sectoriais para traballar no establecemento das prioridades e obxectivos para o Teo do 2030. Agárdase que esto poida estar rematado en abril.

http://www.teo30.com

teo