O Concello lamenta a decisión do Mercadona de non instalarse en Teo

26-04-2017
Casa do Concello

O Concello lamenta a decisión que vén de comunicar a firma comercial Mercadona, S.A. de non instalarse en Teo. Segundo un escrito presentado o 25 de abril esta empresa comunica a súa intención de desistir da solicitude de aprobación dun estudo de detalle que se estaba tramitando para permitir a súa ubicación nunha parcela na zona de Montouto.

Esta empresa de supermercados leva anos interesada en abrir un dos seus establecementos no termo municipal teense atopando sempre a mellor das disposicións por parte do Concello, tanto dende o punto de vista técnico como de xestión do goberno municipal, como eles mesmos recoñecen no escrito presentado. 

Dende os servizos técnicos traballouse nos últimos meses intensamente para levar a cabo a tramitación urbanística necesaria para facer viable a construción do Mercadona. Incluso cando a Xunta de Galicia formula a necesidade de reaxustar o estudo de detalle inicial, o Concello procura saídas legais para buscar a viabilidade técnica do inmoble, aceptadas sen problema pola administración autonómica.

Esta última tramitación a piques de finalizar administrativamente, foi obxecto de desestimento por parte do Mercadona, que indica cuestións meramente empresariais para súa decisión.