O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO INVESTIRÁ UNS 107.000 EUROS NO ACONDICIONAMENTO DOS ACCESOS A LOUREIRO E AO XIRIMBAO

| compartir:

O Concello de Teo investirá 106.681 euros no acondicionamento dos accesos a Loureiro, na parroquia de Luou, e ao Xirimbao, en Reis. As dúas iniciativas fináncianse coas baixas de licitación dos proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos (POS) 2015, froito da xestión eficiente desenvolvida pola Administración Local.

A intervención na estrada de Loureiro beneficiará dous tramos, un cunha lonxitude dun quilómetro e outro de 300 metros. Consistirá na limpeza de cunetas e o posterior acondicionamento das partes máis deterioradas do vial cun tratamento bituminoso, para finalmente aplicar aglomerado en quente de catro centímetros de espesor. Tamén se vai executar unha taxea de seis metros de longo. Na estrada do Xirimbao, mellorarase un primeiro tramo de 1.200 metros e outro de 200 metros. Efectuaranse as mesmas tarefas que na estrada de Loureiro. Nos dous viais será reposta e mellorada a sinalización horizontal e vertical.

 

Infraestrutura básica de saneamento

Con carácter previo á execución do proxecto en Loureiro, Augas de Teo acomete a instalación da infraestrutura básica de saneamento. Deste xeito, quedará dispoñible cando este servizo chegue á zona no futuro e non será necesario levantar de novo a estrada. Esta intervención puido acometerse coa máxima axilidade grazas a que o servizo municipal de augas é agora de xestión directa.

 

O goberno de Teo explica que coa obra de Loureiro atende unha reivindicación da poboación da aldea para mellorar as súas comunicacións por estrada. No caso do Xirimbao, a obra beneficiará unha zona moi frecuentada pola veciñanza e os visitantes durante a época estival.

 

Pistas na Ermida e en Trasellas

Por outra parte, o Concello de Teo licitará nas vindeiras datas a mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias na Ermida (Oza) e en Trasellas (Luou). As dúas intervencións están orzamentadas en 76.221 euros e fináncianse, ademais de con recursos municipais, con fondos europeos FEADER, do Ministerio de Agricultura e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

 

De acordo co proxecto municipal, as dúas pistas serán reasfaltadas con aglomerado asfáltico de seis centímetros de espesor. Na Ermida, intervirase nunha lonxitude de 1.500 metros e en Trasellas en 1.900 metros. Nos dous casos procederase á limpeza de gabias e á colocación da sinalización horizontal e vertical necesari. Tamén se executará o recrecido dos pozos e reixas de sumidoiros existentes nos dous traxectos, para igualalos coa cota final do acabado. 

desbroces loureiro