O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello de Teo mantén a súa preocupación pola nova delimitación nas estradas autonómicas impulsada pola Xunta

| compartir:

O Concello de Teo acolleu esta mañá unha xuntanza  para falar da nova delimitación de estradas autonómicas que afectará á situación urbanística de varios núcleos en trinta concellos da provincia, entre eles o noso publicada no DOG do 27 de novembro de 2017 pola Axencia Galega de Infraestruturas e que neste momento está en exposición pública e en período de alegacións. 

Na xuntanza estiveron representantes políticos e técnicos dos Concellos de Santiago, Camariñas, Muxía, Vedra, Arzúa e Pobra de Caramiñal así como un representante do BNG local. O alcalde, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, estiveron acompañados do persoal técnico do Concello e estableceron un interesante debate co resto dos presentes valorando o nivel de afección do estudo en cada un dos Concellos.

En Teo, segundo destaca a concelleira de Urbanismo "temos ó redor de 150 parcelas afectadas algunhas delas perden edificabilidade e outras, calculamos que 26 quedan fóra de ordenación". Neste caso vivendas con licenza municipal pasan a unha situación na que só se lle podería autorizar labores de mantemento.

Na reunión cos outros concellos afectados acordouse manter o contacto e realizar unha alegación conxunta contra os estudos realizados dende a Dirección Xeral de Infraestruturas.

Estes estudos teñen un prazo de exposición pública que remata o 12 de xaneiro, momento ata o que se poden presentar alegacións. A oficina de Urbanismo do Concello facilitará a información e asesoramento necesario á veciñanza afectada. En horario de 09:00 a 11:00 horas as persoas interesadas poderán acudir a este servizo para acceder ao expediente e, de ser o caso, presentar as alegacións que vexan oportunas. Uxía Lemus confirma que xa hai varios/as propietarios/as de vivendas que teñen tramitada a súa alegación.

Núcleos afectados

Os núcleos afectados por esta nova delimitación que pretende impoñer a Xunta de Galicia en Teo son: Cobas (AC-537); Penelas e Tras do Eixo (AG-58 e AG-59); A Devesa, A Torre, Castres, O Piro, Chaves e Lucí (AG-59), A Florida, Chao do Río e A Igrexa de Reis (AC-841 e AC-242); Valiñas (AC-242); e Vilar de Teo, Xermeade, Fontelo e Vilachaíño (AC-241). A nova delimitación supón modificar o planeamento que afecta a estas parcelas, ao cambiar as aliñacións de edificacións e peche das parcelas.

Nos últimos días dende a Dirección Xeral de Infraestruras mantivéronse contactos co Concello de Teo e á volta de reis está previsto ter unha xuntanza por este tema. Mentras a responsable de Urbanismo, Uxía Lemus, insiste "seguimos preocupados pola situación na que poden quedar moitas vivendas e parcelas e pediremos que a administración autonómica reformule estes estudos de xeito que se adapten á ordenación prevista nos PXOMs". 

Nova delimitación de estradas autonómicas