O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO DE TEO INICIARÁ A REVISIÓN DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL

| compartir:

O Concello de Teo entende que ten que iniciar a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal. A pesares de ter un PXOM aprobado en 2010 neste momento este norma urbanística adolece de falla de seguridade xurídica. O alcalde de Teo, Rafael Sisto (Son de Teo-Anova), e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus (PSdeG-PSOE), explicaron en rolda de prensa que neste momento Teo precisa unha revisión do Plan Xeral, extremo que tamén comparte a Xunta de Galicia. O alcalde explicou que se trata dunha decisión “meditada e responsable ademáis de consensuada coa Xunta de Galicia”.

O PXOM de Teo ten unha sentenza do Tribunal Supremo de decembro do 2014 no que se anula a orde do 4 de xuño de 2010 da Consellería de Medio Ambiente (pola que se aprobra o plan teense) no que se refire á vía de conexión entre a N-550 e a AC-841 e ao SUD 9 (polígono industrial de Montouto). Esta anulación está baseada na mesma argumentación usada polo xuíz para anular o plan xeral de Vigo, que ambas normas urbanísticas non contan na súa tramitación coa avaliación medioambiental, un aspecto que non é subsanable salvo a través dunha nova tramitación dun PXOM. No caso de Teo esta declaración de inviabilidade de sometemento do plan aos trámites previstos no artigo 7 da lei 9/2006, do 28 de abril, foi publicada no DOG do 7 de novembro de 2007.

 

Segundo explicou o alcalde de Teo, Rafael Sisto, diante da citada sentenza que anula esas dúas cuestión do plan dende o Concello estudáronse as consecuencias dende o punto de vista urbanístico e xurídico. A principal conclusión é que temos “un plan xeral vixente pero que neste momento nos xenera inseguridade xurídica sobre todo para enfrontar determinadas cuestións prioritarias como o desenrolo do polígono industrial da Ramallosa no que se estaba traballando ou outros desenrolos urbanísticos”.

 

Sisto explicou que “este non era o noso plan e cando chegamos ao goberno no 2007 apostamos por continuar a tramitación do PXOM porque considerábamos imprescindible contar cun plan”. A principal fortaleza “dun plan que non deseñamos era que nos daba un instrumento legar para o desenrolo urbanístico de Teo” destaca o rexedor. Neste momento, á vista desta sentenza “o plan de Teo no cumple coa súa función”. Indicou así mesmo que a solución a esta situación, que pasa pola revisión do PXOM, debe realizarse en colaboración coa Xunta de Galicia.

 

Neste senso explicaron que o pasado 7 de xaneiro o alcalde e a concelleira de Urbanismos mantiveron unha reunión coa Conselleira de Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, na que “atopamos

receptividade e boa intención ademais de compartir a análise feita dende aquí sobre esta problemática” indica Sisto. A Xunta “é consciente de que temos un problema e que temos que buscar solución conxuntamente”. Hoxe mesmo enviouse un escrito dende o Concello á Xunta no que se pide que se concreten “os compromisos adquiridos na reunión do 7 de xaneiro, sobre todo no tocante ao financiamento para unha nova licitación de redacción do plan” indicou o rexedor.

 

A concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus explicou que no seu caso “trátase dun PXOM que non aprobei e no que hai cousas que se podía cambiar, sen embargo dende a responsabilidade da concellaría de Urbanismo estaba disposta a xestionalo”. Agora ben “diante da situación de inseguridade xurídica actual a revisión do plan é a única vía xa que o problema que ten a tramitación do plan actual só se subsana cunha nova tramitación”. Incidiu así mesmo en que se abre un tempo de moito traballo “para ter un novo plan xeral con todas as garantías”.

 

A edil de Urbanismo destacou que os particulares "poden e deben estar tranquilos xa que temos un plan vixente”. Coa revisión abrirase unha tramitación con todas as fases “polo que na mesma tentaremos axustarnos á realidade actual do Concello que non é a mesma que a de hai dez anos” explicou Lemus. Pero dende logo “ábrese tamén un proceso longo e costoso na que agardamos contar coa colaboración económica e institucional da Xunta de Galicia” explicou.

 

Ambos políticos insistiron que diante desta situación “poderíamos mirar para outro lado e non enfrontar o problema mais consideramos que hai que ser responsables e hai que dar un paso ao frente”. Tamén destacaron a necesidade de acortar os prazos de tramitación da normativa urbanística.

 

Uxía Lemus explicou que nos próximos días se convocará á Xunta de portavoces para informar da situación ao resto das forzas políticas presentes na corporación.

teo