O CONCELLO CELEBRARÁ O VINDEIRO 9 DE ABRIL O I FORO DA MOCIDADE

05-04-2016
teo

Dende o Departamento de Mocidade do Concello de Teo, dirixido por Ignacio Iglesias, quérese lembrar a celebración este sábado do I Foro da Mocidade , enfocado a persoas de entre 16 e 25 anos. Con esta iniciativa búscase a participación da xuventude de Teo, co obxectivo de que sexan os mesmos mozos/as os que se impliquen de cheo no “deseño da programación específica para a mocidade de cara ao curso 2016/17”, segundo explicou o concelleiro Ignacio Iglesias na presentación do proxecto. Deste xeito, levarase a cabo unha participación activa nos planos cultural, deportivo, social e formativo do Concello, coa que conformar un plan de acción para os próximos anos.

O encontro terá lugar o vindeiro sábado 9 de abril na Casa do Concello a partir das 11:00 horas. Para asistir é necesario presentar unha ficha de inscrición e, en caso de ser menor de idade, tamén unha autorización. Por outra banda, en caso de non poder asistir, tamén hai dispoñible un formulario para poder achegar propostas. Toda a documentación pode atoparse na páxina web do Concello teo.gal.

Ademais, dende hai uns días, o Departamento de Mocidade dispón dunha conta en Twitter, @MocidadeTeo, coa que establecer unha canle directa coa mocidade e onde poden atopar contidos específicos para eles.

Esta iniciativa súmase as xa feitas polo Concello, como os obradoiros de breakdance, de beatbox, graffiti, parkour ou as danzas da rúa, celebradas no Nadal e en Semana Santa.

 

Obradoiros sobre sexualidade no IES Cacheiras

Dende Benestar tamén se destaca que estes días estanse a realizar varios obradoiros co alumnado de 3º da ESO do IES Cacheiras nos que, dun xeito distendido, divertido e didáctico, ensínase aos nenos e nenas todo acerca da sexualidade ou as relacións de parella. As sesións rematarán mañá, día 6 de abril.