O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO CELEBRA O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE CUN MURAL QUE REIVINDICA A AGRICULTURA SOSTIBLE

| compartir:

O Concello de Teo súmase á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o vindeiro domingo 5 de xuño, coa realización dun mural que reivindica as prácticas sostibles na agricultura e pretende concienciar sobre a necesidade dunha alimentación sana, en beneficio tanto da saúde humana como da preservación do medio natural.

A pintura emprázase na ponte baixo a autoestrada AP-9 entre Solláns e Cacheiras. Aproveitando as paredes das dúas marxes do vial, confronta o modelo de agricultura respectuosa coa natureza co que utiliza elementos como os pesticidas. A tomateira do modelo sostible aparece coas súas follas e froitos naturais, e coa fauna propia do seu ecosistema. A planta sobre a que se empregaron pesticidas xera arame de espiño en vez de pólas e tomates con forma de granada mortífera, como expresión do seu risco para a saúde.

 

Nesta liña, o Concello de Teo impulsou desde hai case catro anos a celebración do Mercado do Alimento Labrego, cada sábado pola mañá na urbanización dos Tilos. Nel ofrécense produtos frescos e de tempada, sen intermediarios e procedentes de hortas de Teo e da contorna. A cita forma xa parte dos hábitos da veciñanza, que apreza neste mercado a calidade e as garantías para unha alimentación sa e natural.

medio ambiente Teo