O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello abre unha nova Casa Común en Cacheiras

| compartir:
Parroquia
Cacheiras

O Concello de Teo abre este xoves 4 de maio unha nova Casa Común en Cacheiras. Trátase dun local na zona urbana, concretamente na Travesía de Cacheiras, número 38, que vén a cubrir unha demanda de espazos públicos municipais na parroquia máis poboada do Concello. A apertura será o 4 de maio ás 20:00 horas e haberá unha actuación do humorista Lois Pérez.

O local conta cunha superficie de 140 metros cadrados dunha distribución en L. Este sala polivalente permitirá realizar actividades, cursos, charlas ou mesmo pequenas exposicións segundo a programación municipal e a demanda da cidadanía.

Dende esta mesma semana a Casa Común de Cacheiras acolle actividades periódicas como ximnasia terapéutica, un obradoiro de memoria, break dance, galego para maiores ou un curso de adestradores de fútbol. A maioría son clases e grupos que xa están en marcha e estaban funcionando noutros locais. Dende o Concello quérese agradecer a colaboración amosada ata este momento por entidades como a Sociedade de Agricultores e Gandeiros de Cacheira que sempre amosaron unha boa disposición para ceder o seu local mentras o Concello non contou cun espazo axeitado.

Como se pode utilizar a Casa Común?

O desexo do goberno de Teo é que a nova instalación se poida usar, ademais de para a programación municipal, para as necesidades do movemento asociativo ou de particulares.

Para usar a Casa Común pódese entregar unha solicitude no Rexistro do Concello indicando o motivo da petición, a data para a que se reserva o local e o horario no que será utilizado. Unha vez autorizado o uso do local o/a solicitante deberá pagar a taxa correspondente.

 

 

Casa Común de Cacheiras