O CLUB DE DEBATE, UNHA ACTIVIDADE PARA O ALUMNADO DO IES, TEN ABERTO O SEU PRAZO DE INSCRICIÓN

26-11-2015
teo

Esta actividade, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística municipal, ten como obxectivos impulsar o uso oral da lingua galega e crear un pensamento crítico entre a mocidade.

 

O equipo gañador absoluto obterá como premio unha viaxe multiaventura en grupo valorada entre 4000 e 5000 euros. 

    O Concello de Teo promove unha actividade de dinamización lingüística entre a mocidade denominada Club de Debate. Este é un torneo de debates entre equipos, organizado como unha competición deportiva e sobre temas previamente fixados dirixido a rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO ou 1º de bacharelato formando e equipos compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 10  alumnos/as mais o/a preparador/a (un/unha profesor/a).

     

    O alumnado interesado debe buscar un profesor preparador para poder levar a cabo a actividade e inscribirse ata o 30 de novembro no IES de Cacheiras, xa que a inscrición débena facer os centros de ensino, e comunicalo ao Servizo de Normalización Lingüística municipal.

     

    Este torneo está organizado polos servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo e conta cunha fase clasificatoria entre os concellos da comarca e unha fase final Galega. Nos debates, cada equipo defende a posición sobre o tema do debate (a favor ou en contra), polo que todos os equipos teñen que preparar as dúas visións. Previamente á competición os equipos recibirán formación en oratoria e expresión corporal nunha xornada na que convivirán con alumnado doutros concellos.

     

    Os dous equipos con mellor puntuación nesta fase terían de premio material cultural (libros, discos, material informático...) por valor de 500 euros para o primeiro e de 300 euros para o segundo. O gañador, ademais, sería o representante desta comarca na final galega.O gañador absoluto obterá de premio unha viaxe multiaventura en grupo valorada entre 4000 e 5000 euros

     

    Podes ampliar coñecemento sobre a actividade visitando a páxina de Facebook Club de Debate.