O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O ALCALDE DE TEO CENTRA NA SEGURIDADE, O TRANSPORTE E A MUNICIPALIZACIÓN DE SERVIZOS OS EIXES DE COLABORACIÓN NA COMARCA

| compartir:

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, mantivo este mediodía unha xuntanza co alcalde de Compostela, Martiño Noriega, no que se falou dos eixes que deben centrar a colaboración intermunicipal na comarca. Seguridade cidadá, transporte, municipalización e coordinación de servizos así como colaboración en políticas culturais ou de benestar “son os temas sobre os que debemos falar entre os Concellos da contorna, sendo ambiciosos, xa que se queremos unha política distinta, por exemplo, en materia de transporte dentro dunha década temos que comezar a planificala agora” explica o rexedor teense.

 

A seguridade cidadá coa problemática do parque de bombeiros de fondo é un dos puntos centrais tratados na xuntanza e no que tamén se plantexa mellorar na coordinación entre protección civil e policía local. Sisto aposta “por un parque comarcal público e compartido asumindo que quen queira un servizo terá que aportar fondos”.

Compartir servizos entre concellos, coa vista posta na municipalizaicón, foi outro dos aspectos falados entre Noriega e Sisto. A primeiros de outubro o Concello de Teo comeza a xestionar directamente o servizo de abastecemento e saneamento da auga “e é precisamente este un dos servizos nos que resultaría moi interesante poder colaborar con concellos limítrofes coma Ames ou Santiago, xa que é evidente que se daría un aforro de custes” destaca o rexedor teense. O servizo de lixo é outro dos temas máis costosos para concello e no que as alternativas de xestión de tratamento están máis condicionadas pola política da Xunta de Galicia polo que a colaboración entre municipios pode ser fundamental. Rafael Sisto tamén valora poder facer licitacións conxuntas en servizos como o gasto eléctrico.

“O deseño do transporte na comarca hai que pensalo a curto, medio e longo prazo e aumentar a autonomía dos Concellos para poder buscar solucións concretas ás problemáticas comúns que nos afectan” explica o alcalde de Teo. Deste xeito plantexa que hai que demandar unha mellora das frecuencias e un servizo nocturno nos corredoiros comarcais a curto prazo sen renunciar a estudar a medio e longo prazo outros mecanismos de actuación para os Concellos.

Pola súa banda a colaboración intermunicipal debe facerse tamén en ámbitos como a cultura ou as políticas sociais. “A loita contra a exclusión, a violencia de xénero ou temas como as crises migratorias e a política de acollida son temas nos que debemos falar e compartir sinerxias” remata Sisto.   

 

 

teo