O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A nova delimitación de estradas autonómicas afecta a varios núcleos en Teo

| compartir:

Dende o Departamento de Urbanismo do Concello de Teo denuncian a publicación da nova delimitación de estradas autonómicas que afectará á situación urbanística de varios núcleos en Teo. O DOG do 27 de novembro de 2017 a Axencia Galega de Infraestruturas publicou unha resolución pola que se aproban provisionalmente os estudos de ordenación da Delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na Rede autonómica de Estradas. 

Estes estudos teñen un prazo de exposición pública que remata o 12 de xaneiro, momento ata o que se poden presentar alegacións. A oficina de Urbanismo do Concello facilitará a información e asesoramento necesario á veciñanza afectada. En horario de 09:00 a 11:00 horas as persoas interesadas poderán acudir a este servizo para acceder ao expediente e, de ser o caso, presentar as alegacións que vexan oportunas.

Núcleos afectados

Os núcleos afectados por esta nova delimitación que pretende impoñer a Xunta de Galicia en Teo son: Cobas (AC-537); Penelas e Tras do Eixo (AG-58 e AG-59); A Devesa, A Torre, Castres, O Piro, Chaves e Lucí (AG-59), A Florida, Chao do Río e A Igrexa de Reis (AC-841 e AC-242); Valiñas (AC-242); e Vilar de Teo, Xermeade, Fontelo e Vilachaíño (AC-241).

A nova delimitación supón modificar o planeamento que afecta a estas parcelas, ao cambiar as aliñacións de edificacións e peche das parcelas. Dende o Concello tamén se estuda presentar alegacións para defender os intereses da veciñanza e do correcto desenvolvemento urbanístico municipal.

A consecuencia máis grave desta nova iniciativa de Infraestruturas é que os novos límites sinalados nos planos en exposición pública suporán que moitas edificacións legalmente construídas en base ao PXOM pasen a estar nunha situación de fóra de ordenación.

Xuntanza municipal en Teo

Para o Concello de Teo esta actuación da Xunta de Galicia "supón un novo ataque á autonomía local, esta vez modificando unilateralmente os plans xerais dos Concellos afectados e provocando un importante prexuízo para os/as propietarios/as das fincas" indica Uxía Lemus, concelleira de Urbanismo. Dende Teo remitiuse unha carta aos 29 concellos afectados pola publicación da citada resolución na que se lles convoca a unha xuntanza o vindeiro 27 de decembro por este tema. "Buscamos unha actuación conxunta de todos os Concellos diante dun novo atropelo da Xunta de Galicia e pediremos que a administración autonómica reformule estes estudos de xeito que se adapten á ordenación prevista nos PXOMs" destaca a edil de Urbanismo.

Os Concellos afectados pola resolución da Axencia Galega de Infraestruturas son os seguintes: Aranga , Arzúa , Boimorto , Boqueixón , Camariñas , A Capela , Carballo , Cerdido , Coristanco, Curtis (GA/17/047.09.1.10), Dodro , Irixoa , Laxe , Mesía , Miño, Muros , Muxía , Outes , A Pobra do Caramiñal , Ponteceso , Pontedeume , Porto do Son , Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Touro, Vedra, Vilarmaior.

 

Nova delimitación de estradas autonómicas