O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A NOVA ÁREA DE XOGOS DE AUGAS MANSAS XA ESTÁ EN SERVIZO

| compartir:

Hoxe entra en servizo a nova área de xogos de Augas Mansas. A nova infraestrutura lúdica está integrada por un parque infantil e unha pista deportiva, cunha zona verde contigua. O investimento na obra foi de case 52.500 euros, incluído o IVE. O Concello achegou o 40 % do diñeiro e a contía restante procede dunha convocatoria autonómica financiada con fondos Feader. 

Para a construción do novo parque infantil escolléronse materiais que precisan un mantemento baixo, como o aluminio, elementos galvanizados ou polietileno, e que cumpren coas últimas normativas do sector. A pista deportiva está situada xusto a carón, pero delimitada por unha rede de protección. Os dous equipamentos contan con peches perimetrais diferenciados.

 

No terreo contiguo, o Concello está acondicionando unha zona verde que ocupa uns 1.200 metros cadrados de superficie. Esta mañá prantáronse alí árbores de sombra e sementouse herba. Ata que a herba medre e o terreo compacte o suficiente, non se pode acceder a este espazo, que será equipado cunha mesa e dous bancos. En función do seu uso, o Concello contempla unha posible ampliación deste mobiliario o vindeiro ano.

 

O novo equipamento dá cobertura tanto á propia urbanización de Augas Manxas como a núcleos próximos como Vilar, Guldrís, As Laxes, Pedrouso, Requián, Constenla, Sisto, Cruces, Lamas, Monte ou mesmo Solláns, todos eles situados a menos dun quilómetro de distancia.

 

Melloras nos parques

Durante o verán, o Concello de Teo acometeu diversas actuacións de mellora en varios parques infantís. Así, no de Cerdeira, na parroquia de Vilariño, proxectouse o cambio de varios xogos e a retirada de piñeiros situados nas inmediacións, que a longo prazo poderían constituír un risco para os usuarios e usuarias. Tamén se renovan os parques infantís de Penelas e da escola de Raxó. O do CEIP da Igrexa de Calo amplíase e en xeral todos os parques dos colexios foron reparados e recibiron tratamentos na madeira.

 

Tamén no antigo campo da festa de Rarís, o parque cunha superficie de lousas de caucho cobre o pavimento anterior. E nos Tilos, procédese a cambiar o peche perimetral do parque infantil, substituír un elemento deteriorado, engadir un novo xogo para nenos e nenas de ata tres anos de idade, sanear o chan e acondicionar os demais xogos.

augas mansas