MÚSICA NOS TILOS PECHA ESTE VENRES CO CONCERTO DA BANDA OH TRÍO

24-06-2015
teo

O venres 24 remata o ciclo Música nos Tilos coa actuación de Oh Trío . Trátase dun grupo de jazz tradicional formado por Antonio Bravo á guitarra, Germán Díaz na zanfona, caixa de música e serrucho musical e Diego Martín na batería. Integrantes que xa se coñecían e colaboraban en diversas formacións desde había anos pero que no 2008 decidiron reunirse como grupo. Desde entón realizaron xiras por multitude de países e os seus traballos discográficos foron premiados en varias ocasións por revistas de calado internacional.

Este ciclo, de tres venres no mes de xuño, péchase con Oh Trío, tras  as actuacións de Xacobe Martínez Trío e de Caxade, grupos de jazz e de folk-indie que, neste formato íntimo e de proximidade agradaron ao público que se achegou á Casa Común dos Tilos e puido presenciar estes concertos marcados pola calidade e orixinalidade do proxecto.

 

Esta iniciativa está organizada polo Concello de Teo e conta coa colaboración da Deputación da Coruña no seu financiamento. A entrada é gratuíta pero agradecese toda contribución co Banco de Alimentos municipal mediante alimentos non perecedoiros.