O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A MAXIA DO NADAL CONVIDA AS NENAS E OS NENOS A IREN PREPARANDO AS SÚAS CARTAS DE NADAL

| compartir:

Os colexios de Educación Infantil e Primaria, as mediatecas municipais, o Auditorio Constante Liste da Ramallosa e a Casa do Concello contarán con caixas de correo para que os nenos e as nenas poidan deixar alí as súas cartas. Todos os nenos e nenas que participen recibirán resposta nas súas casas  e un pequeno agasallo por compartir cos magos eses anaquiños de Nadal. Ademais, os Magos de Oriente entregaranlles un premio especial ás seis cartas máis creativas.

Os magos, moi amigos de todas as linguas do mundo, queren compartir coa xente máis miúda a mensaxe de que as linguas son coma as árbores, únicas e irrepetibles. Gardan a historia da nosa terra, dannos vida e contribúen a que o mundo sexa mellor e máis diverso ademais de fixarnos e identificarnos co territorio. Por este motivo anímanos a coidar e a usar o galego para que poidan seguir gozándoo os nenos e as nenas do futuro.

Os colexios xa teñen cadansúa caixa de correo, así como un convite en forma de árbore no que un carrizo lles explica en que consiste a actividade e como poden participar. Entre o 20 e o 21 de decembro recolleranse todas as cartas dos colexios para facerllas chegar aos magos.

Ademais, tamén se colocarán caixas de correo na Casa do Concello, no Auditorio Constante Liste da Ramallosa e nas mediatecas municipais para que toda a veciñanza poida participar. Nos locais municipais poderán depositarse as cartas ata o día 3 de xaneiro, incluído.

O obxectivo desta actividade é invitar aos nenos e nenas, e  ás familias, a que utilicen o galego e o enriquezan coas persoas da súa contorna cun coñecemento máis amplo da riqueza patrimonial. Esas persoas poden transmitirlles contos, cantos de Nadal e de Reis, tradicións, xogos, receitas..., aproveitando o atractivo e a ilusión que se xera durante esta época de bos propósitos.

A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta dos nenos/as estea dirixida aos personaxes que se prefiran (O Apalpador, os Reis Magos, Papá Noel..) ou á propia maxia do Nadal.

 Cartas-resposta con sorpresa incluída

Todos os nenos e nenas que participen e que indiquen o enderezo correctamente  recibirán unha carta resposta cun pequeno agasallo de agradecemento, por iso é moi importante que cada carta inclúa os datos completos do neno ou da nena: nome e apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto.

Premios para as seis cartas máis interesantes e creativas

Ademais, haberá tres premios para as cartas máis interesantes e creativas e algunha delas ilustrará a programación de Nadal do ano vindeiro. Valorarase a creatividade, a adecuación ao tema proposto e a idade. É fundamental indicar un número de teléfono da familia para que se poida contactar cos nenos e nenas gañadores e convocalos á entrega deses premios, o día 5 de xaneiro da man dos propios magos de Oriente.

Esta iniciativa ponse en marcha en colaboración cos concellos de Santiago e Ames. 

nadal Teo