O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

MATRÍCULA ABERTA NA AULA DE INFORMÁTICA PARA AS ACTIVIDADES DE OUTONO

| compartir:

A Aula de Informática de Teo abre desde hoxe luns o prazo de inscrición para as súas actividades de outono. As persoas interesadas poden anotarse en cada unha das propostas ata tres días laborais antes do comezo, cubrindo a ficha de inscrición dispoñible na páxina web do Concello, na propia aula, na Mediateca ou na Casa do Concello. As solicitudes débense presentar no Rexistro Xeral.

As actividades, destinadas a persoas maiores de dezaseis anos e empadroadas no municipio, están condicionadas a que se inscriba un mínimo de cinco persoas en cada unha delas. No caso de que existan máis solicitudes que prazas, asignaranse mediante un sorteo público dous días antes do comezo de cada actividade. As listas definitivas serán expostas na aula.

 

A oferta desta nova tempada inclúe un curso de iniciación á informática do 17 ao 28 de outubro, un curso de iniciación a internet do 21 de novembro ao 2 de decembro, un curso de edición de textos do 12 ao 22 de decembro, un curso sobre descarga, almacenamento e escaneado de fotos do 12 ao 17 de xaneiro e un curso de retoque de imaxe dixital do 19 ao 27 de xaneiro, ademais de clases de alfabetización dixital para as persoas participantes no programa Vives Emprega Teo e un ciclo sobre identidade dixital para mulleres, entre finais de setembro e principios de outubro.

 

Ademais, todos os luns pola tarde (17 a 19 horas), ata o 25 de xaneiro, a Aula de Informática de Teo ofrece clases de mecanografía. Poden acudir persoas maiores de 18 anos, sen necesidade de ter coñecementos de informática, que estean interesadas en gañar soltura na escrita, completando ao seu ritmo os distintos módulos do curso.

 

Para as datas de Nadal, está prevista unha actividade de mecanografía infantil, do 26 ao 29 de decembro, e outra sobre pintura de Nadal cun programa informático, do 3 ao 4 de xaneiro. Poderán participar nenos e nenas de entre 5 e 10 anos de idade.

teo