O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

LICITADO O ACONDICIONAMENTO DA PRAZA CIRCULAR DOS TILOS

| compartir:

O Concello acaba de licitar as obras de acondicionamento da praza circular da urbanización dos Tilos. Os traballos están valorados en 209.391 euros e financiaranse con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) 2015 da Deputación da Coruña. As empresas interesadas en presentar propostas teñen de prazo ata o 3 de setembro. A convocatoria, un procedemento aberto no que de valorará o prezo como único criterio, establece un prazo máximo de catro meses para executar os traballos, unha vez se contraten.

A concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, explica que “con este proxecto queremos facilitar a realización de actividades municipais ao longo do ano, e sobre todo que maiores e nenos poidan aproveitar o espazo nos días de chuvia, permitindo unha maior interrelación social entre eles”. A praza data de mediados dos anos 80 e precisaba unha reforma para adaptarse ás novas necesidades da veciñanza da urbanización, que supera as 2.000 persoas empadroadas.

 

Por iso, a principal actuación contemplada é a instalación dunha cuberta de 20x20 metros, isto é, de 400 metros cadrados de superficie. Terá unha estrutura composta por pilares metálicos e unha lousa de formigón armado, con oito lucernarios deseñados para achegar unha iluminación homoxénea ao espazo cuberto. Os pilares actuarán á súa vez como soporte de enerxía para as actividades e eventos que se desenvolvan na praza.

 

A maiores, instalarase un aseo accesible de uso público, que poderá utilizarse nos actos e eventos que o requiran. E de xeito previo, dotarase o espazo de nova pavimentación. Tamén se prevé erixir un novo muro delimitador, de 50 metros de lonxitude, que servirá para conter un dos noiros, resituar os bancos de madeira e dispoñer novas árbores e espazos axardinados. A vexetación en parterre existente ata agora no centro da praza será retirada, para incrementar as posibilidades de uso da zona.

 

Cómpre ter en conta que a praza dos Tilos acolle cada sábado pola mañá o Mercado do Alimento Labrego, pero ademais é un dos espazos abertos de encontro cotián preferidos polos veciños e veciñas da urbanización. A reforma e acondicionamento fará que poida albergar actuacións musicais ou teatrais durante todo o ano e atraer persoas de todas as idades. Favorecerá que sexa un lugar compartido por poboación moi diversa, fronte á delimitación de espazos por franxas de idade que se observa na actualidade nos Tilos.

 

Segunda fase, no Plan Hurbe

Despois desta primeira fase, o Concello aspira a completar o proxecto cunha segunda etapa das obras, destinada a incorporar diversos equipamentos no espazo público. Neste caso, está valorada en máis de 92.000 euros. A iniciativa foi un dos primeiros proxectos que se presentou na recente convocatoria do Plan Hurbe da Xunta de Galicia. O Concello agarda que o proxecto sexa aceptado pola Administración autonómica, que se encargaría da súa financiación íntegra, e a licitación e execución das obras, de acordo co establecido no plan.

 

Nesa segunda fase, dotaríanse e poñeríanse en servizo as redes de subministración eléctrica, alumeado público e abastecemento da praza, así como traballos complementarios de urbanización, mobiliario ou xardinería. Os tendidos e conexións xerais previos xa serán acometidos na primeira intervención, licitada hoxe.

Tilos