O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

INTENSIFÍCASE O PLAN DE DESBROCES DA REDE VIARIA MUNICIPAL

| compartir:

O plan de desbroces da rede viaria municipal intensifícase neste mes de xuño. Os equipos xa iniciaron as tarefas desde finais de abril, e é a partir de agora cando o ritmo de traballo se incrementa. Tal como explica o concelleiro de Servizos Básicos, Xurxo Francos, este é un dos momentos máis idóneos para a limpeza de gabias porque “no verán, como no inverno, o crecemento da herba estáncase polas condicións meteorolóxicas e así mantense a gabia despexada durante máis tempo”. Pola contra, na primavera o corte da maleza contribúe a un maior crecemento posterior.

Na campaña participan os dous tractores municipais, equipados con desbrozadoras de brazo, capaces de limpar en superficie e tamén en altura, para evitar que as pólas en zonas de monte invadan a estrada. Un deles céntrase na limpeza da rede viaria e outro traballa tamén en tarefas de repaso e noutros labores especiais. Ademais, a partir destas datas incorpórase un terceiro equipo, contratado a unha empresa privada, para intervir en Calo. Faise así pola extensión desta parroquia e pola urxencia de limpar neste mes para a celebración das festas de San Xoán.

 

O calendario de limpeza previsto ata finais de setembro dará resposta aos máis de 800 quilómetros de rede viaria municipal asfaltada, así como a determinadas pistas forestais próximas a núcleos habitados que estivesen pendentes da campaña de limpeza do inverno. É un plan de traballo que procura atender as necesidades de todas as parroquias, se ben ten a flexibilidade suficiente para resolver casos puntuais que se presenten, como interseccións perigosas nas que haxa que limpar con antelación.

 

Ata agora, os tractores desbrozaron en Bamonde, Rarís e parte de Cacheiras. Nas vindeiras xornadas, traballarán en Recesende e Calo. En xullo acudirán ás parroquias de Reis, Vilariño, Lucí, Luou, Lampai e Cacheiras. En agosto, corresponderalles a Bamonde e Teo. E en setembro chegarán ás zonas de Solláns, Ameneiro, Oza e Rarís.

 

O concelleiro de Servizos Básicos adianta que no mes de setembro, no remate da planificación, o Concello avaliará que zonas necesitan un novo repaso, ben porque fosen as primeiras onde se desbrozou ben porque a maleza medrase de maneira excesiva. “Deste xeito, na maior parte dos principais viais desbrozamos ata tres veces ao ano, desde o inicio da campaña ata a chegada do outono”, eplica Xurxo Francos.

desbroces Teo