O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

HOMENAXE A ÁNXEL CASAL NO OCTOXÉSIMO ANIVERSARIO DO SEU PASAMENTO

| compartir:

O Concello homenaxeará este venres 19 de agosto a Ánxel Casal, no octoxésimo aniversario do pasamento do último alcalde republicano de Santiago. Os actos de lembranza terán lugar na Estivada da Ribeira, en Cacheiras, a partir das 20:00 horas.

A parte institucional da homenaxe contará con representación dos Concellos de Arzúa, A Coruña, Santiago de Compostela e Teo, así como da asociación A Oliveira, de Teo, dedicada á recuperación da memoria histórica. No seu transcurso interpretaranse as pezas musicais ‘Chove en Galicia’ e ‘Cantiga do neno da tenda’, ambas as dúas poemas de Federico García Lorca, e tamén ‘O Paseo’.

 

De seguido, arredor das 20:30 horas, terá lugar unha ofrenda floral, acompañada polos acordes do Himno Galego, ante o monólito que lembra a figura de Casal no lugar no que apareceu o seu corpo en agosto de 1936. Os dous actos serán presentados pola concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, e da amenización musical encargaranse Xiana Lastra (voz), Andrea Porto (guitarra) e Roberto Rama (saxo e gaita).

 

Desde 2007, o Concello de Teo sumouse a esta homenaxe que xa viña realizando a Fundación Castelao. Por primeira vez, o ano pasado o Concello de Santiago estivo representado polo seu alcalde. O Concello da Coruña participa tamén desde 2015, tras a invitación efectuada polo Concello de Teo ao cumprírense entón 120 anos do nacemento de Casal na cidade herculina.

 

Ánxel Casal (A Coruña, 1895-Cacheiras, 1936) destacou polo seu labor como editor e político. O que é o último alcalde republicano da cidade de Santiago militou no Partido Galeguista desde a súa creación. Tras o triunfo do golpe de estado do 18 de xullo de 1936, Casal foi detido epaseado o 19 de agosto. O seu corpo apareceu a carón da estrada en Cacheiras, onde agora se erixe o monólito na súa memoria.  

 

Cuarto cabodano de Avelino Pousa Antelo

Por outra parte, o vindeiro sábado, 20 de agosto, conmemórase o cuarto cabodano do pasamento de Avelino Pousa Antelo, intelectual galeguista de primeiro nivel e fillo adoptivo do Concello de Teo. A mediodía, está prevista a entrega do ‘Caxato de Avelino’ é escritora, profesora e xornalista Fina Casalderrey. Despois da entrega deste premio, a partir das 13:00 horas desenvolverase a homenaxe a Pousa Antelo no paseo que leva o seu nome na urbanización dos Verxeis, en Oza.

 

O programa da xornada complétase a partir das 15:00 horas cun xantar na Casa da Paínza, en Arzúa. Custa 25 euros por persoa e quen queira inscribirse ten ata este xoves 18 de agosto para facelo, chamando ao 636 032 750. Finalmente, ás 19:30 horas, desenvolverase un roteiro sobre a figura de Pousa Antelo.

anxel casal teo