O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A FUNCIÓN TEATRAL "NOITEBOA" CHEGA A TEO CON MELA CASAL, ESNESTO CHAO E GUILLERMO CARBAJO

| compartir:

Este venres 6 de novembro, o Auditorio da Ramallosa de Teo, acollerá, a partir das 20:30 h, unha representación do espectáculo “Noiteboa” da compañía Redrum Teatro. Producido co apoio da Xunta de Galicia e estreada o pasado 17 de setembro no Teatro Principal de Santiago, “Noiteboa” é unha traxicomedia que transcorre durante a noite do 24 de decembro en Compostela.

“Unha data marcada polo reincidente roubo do neno Xesús da Praza do Obradoiro, un feito que acompañará aos nosos peculiares protagonistas durante a tradicional cea familiar. Unha reunión onde priman as aparencias e o máis inesperado pode tornarse realidade. Unha noite chea de risos, de ilusións e de segundas oportunidades que sen dúbida os cambiará para sempre”.

Está protagonizado polos actores Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carbajo, caras ben recoñecibles polo público galego polos seus traballos en teatro e tamén en series míticas da TVG como “Mareas Vivas ouPratos Combinados.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que dirixiu series como “El Internado” ou “Padre Casares”. Neste momento vén de presentar en varios festivais de todo o mundo a súa ópera prima Schimbare", unha longametraxe protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

Trátase da sexta produción de Redrum Teatro, unha compañía fundada en 2009 que levou aos escenarios a obra de suspense A Pensión”, protagonizada por Rosa Álvarez; os espectáculos familiares “Moito Conto"e “Roedores”,  así  como as comedias “Curriculum Vitae”, con Mónica García e Guillermo Carbajo, e  “Amor Flexible”, protagonizada por Mela Casal, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa.

As entradas, a un prezo de 8 euros, poden adquirirse no propio Auditorio dende unha hora antes de que comece a representación. Tamén poden reservarse previamente no correo electrónico noiteboateatro@gmail.com

teo