AS ESCOLAS DEPORTIVAS E AS ESCOLAS CULTURAIS ABREN O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CURSO 2015-16

31-08-2015
teo

Arredor de 500 usuarios e usuarias participaron nas actividades deportivas e arredor de 100 nas culturais na edición pasada. O éxito de participación en todas as actividades fai que neste curso se manteña a mesma oferta ca na anterior edición. O prazo de preinscrición está establecido entre o 1 e o 16 de setembro e realizarase por orde de entrada no Rexistro do Concello.

A Concellaría de Deportes do Concello de Teo oferta unha nova tempada as escolas e actividades deportivas municipais. Como xa ven sendo habitual nestes anos a oferta diferenciase entre as Actividades Deportivas para Adultos e as Escolas Deportivas, deseñadas para franxas de idade dos 3 aos 16 anos. Mentres que as escolas deportivas se realizan nos tres pavillóns municipais, Calo, A Ramallosa e Os Tilos, as actividades de ximnasia para adultos tamén se realiza en diferentes casas comúns distribuídas polo concello, co fin de ofrecer unha proximidades destas á cidadanía.

 

O bo grao de acollida e participación que tiveron as actividades na edición pasada fixo que neste ano se optase por unha liña continuista na oferta, polo que se repetirá a mesma oferta da anterior edición. Así as actividades para os máis novos son patín, tenis, minitenis, taekwondo, minideporte atletismo, baloncesto, tiro con arco e multimeporte (esta última actividade incluirá béisbol, bádminton, tenis de mesa e balonmán).

 

Pola súa banda, as Actividades Deportivas de Adultos están compostas por actividades de ximnasia para persoas maiores (cun grupo máis suave para persoas de idade avanzada) e pola actividade de Tenis, todas elas cun alto nivel de participación na pasada edición.

 

As actividades culturais manteñen igualmente a oferta das últimas edicións. Estas actividades realízanse en diferentes locais municipais esparexidos polo concello tamén co fin de achegalas a toda a poboación.

 

A actividade de artes plásticas, impartida por David Orihuela, con sede en Tras do Eixo – Cacheiras e en Ameneiro – Calo é a que ten unha maior demanda de usuarios, polo que os grupos distribúense en franxas de idade dos 3 aos 18 anos. Outra actividade con éxito de participación nos últimos anos é o Obradoiro de Guitarra, impartido polo músico Xoán Curiel na Casa Común Marisa Mirás de Calo, aberto a todas as franxas de idade e distribuído segundo o nivel previo de habilidade. Por último, o Obradoiro de Teatro para persoas adultas, impartido por Fran Rei, consolídase como unha oferta alternativa para poder practicar teatro afeccionado.

 

As actividades comezaron a primeiros do mes de outubro e prolongaranse ata o mes de xuño, momento no que, como todos os anos, se dará clausura a estas escolas con distintas xornadas de exhibicións e exposicións dos traballos realizados durante o curso.

 

O prazo de preinscrición está establecido entre o 1 e o 16 de setembro e realizarase por orde de entrada no Rexistro de Entrada no Concello. Polo tanto, a partir do 21 de setembro as persoas preinscritas poderán consultar a súa admisión, ben na web municipal, ben nos propios departamentos de Deportes ou de Cultura municipais, antes de confirmar a matrícula mediante o pagamento da primeira taxa.

 

Consulta aquí a convocatoria completa das Escolas Culturais e aquí as Escolas e Actividades Deportivas.