ENXEÑERÍA SEN FRONTEIRAS REFLEXIONA EN TEO SOBRE A XESTIÓN MUNICIPAL DO DERITO HUMANO Á AUGA

20-10-2015
teo

Enxeñería sen Fronteiras organiza mañá mércores en Teo o foro aberto ‘A xestión municipal do dereito humano á auga’, que terá lugar ás 19 horas no salón de plenos, coa colaboración do Concello. A actividade está vinculada ao proxecto que a ONGD desenvolve en Honduras para mellorar o acceso á auga potable co apoio do Fondo Galego de Cooperación e, polo tanto, do consistorio teense, que forma parte desta rede solidaria de municipios e deputacións.

O concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias, participará na apertura da xornada, que se vai centrar na importancia da transparencia e da boa gobernanza nas administracións públicas para asegurar o dereito á auga, tendo en conta as leccións aprendidas no caso hondureño e a súa aplicación nas nosas vilas. A ONU recoñece este dereito de xeito específico e os concellos, dada súa proximidade á cidadanía, teñen competencias chave á hora de garantilo. Pola súa banda, Enxeñería sen Fronteiras conta con experiencia neste ámbito tamén en El Salvador ou nos campamentos saharauís.

O obxectivo da sesión é sensibilizar sobre o acceso á auga como unha problemática global que pode tamén ter solucións comúns. O ciclo integral, o marco lexislativo, os modelos de xestión ou as boas prácticas no uso da auga son algunhas das cuestións que se abordarán, para propiciar o debate coas persoas asistentes. A cita está aberta a toda a veciñanza, aínda que está especialmente indicada para o persoal implicado na supervisión do servizo de auga e saneamento municipal.

Durante a charla exporase tamén o proxecto de cooperación internacional financiado polo Fondo Galego a Enxeñería sen Fronteiras, no que se incluíron formacións e estudos en sete municipios do Golfo de Fonseca para promover unha xestión integrada do recurso hídrico que contribúa a mellorar a calidade de vida das preto de 210.000 persoas que viven na zona, cun alto índice de pobreza extrema e afectada tamén polo cambio climático. Dáse a circunstancia ademais de que varios galegos traballan nesta iniciativa sobre o terreo.