O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

'A DEVESA DOS PÍCAROS' ENCHE DE BAILE A CARBALLEIRA DE LUOU ESTE SÁBADO

| compartir:

Este sábado 4 de xuño, a carballeira de Luou énchese de baile e música coa terceira edición do festival de folclore infantil ‘A Devesa dos Pícaros’ promovido por seis asociacións dos concellos de Teo, Cambados, A Estrada e Vilagarcía de Arousa, que colaboran no proxecto.

O local da Asociación Cultural A Mámoa de Luou, a anfitrioa, acolleu a presentación da xornada lúdica na que se prevé a asistencia de máis de douscentos cativos/as e doutros tantos adultos acompañándoos, segundo explicaron na roda de prensa os responsables da Mámoa, Alexandre Sinde e Iria Sinde, canda Javi Magariños, en nome do tamén teense Centro Cultural A Ponte Vella de Reis e máis do Obradoiro Volandeira de Cambados, e Luz Sanmartín, de Nós de Sobradelo de Vilagarcía de Arousa. A estas catro organizacións hai que lle sumar Tequexetéldere da Estrada e Mar de Arousa de Vilagarcía.

 

 

 

O festival comeza o sábado ás 12:30 horas coas actuacións dos pícaros das seis agrupacións con idades comprendidas desde os 3 e os 15 anos. Despois, nas instalacións da Mámoa haberá mesas e cadeiras para un xantar libre para logo continuar toda a tarde con xogos populares e música e baile a esgalla. A finalidade última destas xornadas pasa por fomentar a convivencia e as relacións entre as familias, os pequenos e pequenas, as asociacións e a veciñanza dos concellos ao redor da nosa tradición para a súa pervivencia cultural.

 

Durante a celebración da xornada, a estrada da Deputación DP-0205, que une A Casalonga coa Ramallosa, na contorna da carballeira de Luou permanecerá cortada ao tráfico de vehículos para garantir o xogo e a diversión seguros para todas as persoas que se animen.

 

As anteriores edicións de ‘A Devesa dos Pícaros’ tiveron lugar o ano pasado na Estrada e hai uns meses en Vilagarcía de Arousa cunha importante participación e grande diversión.

devesa picaros