A CONCELLARÍA DE URBANISMO SOLICITARÁ A FOMENTO QUE REALICE A CONEXIÓN DA AP-9 AO SEU PASO POR TEO

17-11-2015
teo

A concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus (PSOE), presentou a proposta que se debaterá no pleno ordinario deste mes de novembro no que se solicita a Fomento a conexión de entrada e saída da AP-9 ao seu paso por Teo. Segundo detallou a concelleira “nesta primeira solicitude pedimos que se faga a conexión sur, de entrada cara a Pontevedra e de saída dende Santiago xa que tería un custe económico moi asumible e solucionaría moitos problemas de tráfico, xa que liberaría de moito tráfico ao Milladoiro”.

Na moción que se debaterá na sesión destácase que a AP-9 é unha vía de alta capacidade que a veciñanza de Teo leva sufrindo moitos anos sen ningún beneficio. A realidade é que a día de hoxe no termo municipal de Teo, que cruza a autopista, a cidadanía teense non pode saír nin entrar nesta vía, tendo que facelo en Santiago ou en Padrón.

 

Uxía Lemus explicou que a proposta técnica “traballouse nos servizos técnicos municipais e propón aproveitar dúas vías de servizo da propia autopista para facer a entrada e saída e a conexión coa estrada provincial CP-8202 de xeito que non habería custe de expropiacións e non afectaría a peaxes”. A concelleira de urbanismo cifrou en 500.000 euros o custe aproximado desta conexión “que tería grandes beneficios para a veciñanza de Teo ademais doutros concellos como Ames ou A Estrada e sen dubida melloraría a seguridade viaria en zonas de alta densidade de tráfico coma o Milladoiro”.