O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Case 600 persoas participan na Carreira Batalla de Cacheiras

| compartir:

Case 600 persoas están inscritas na Carreira pedestre Batalla de Cacheiras que se celebra este sábado 22 de abril en Teo por un trazado histórico, dende Bamonde ao alto de Montouto. A proba contará na categoría absoluta con participantes da importancia de Pedro Nimo ou Lolo Penas, que prometen encher e emoción o percorrido.

A concellaría de Deportes organizou unha xornada deportiva que comezará pola mañá nos Tilos. Dende as 11:00 horas no parque dos Tilos celebraranse as carreiras das categorías infantís: peques, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil en total case 400 nenos/as anotados/as. Entre as 11:00 e as 12:00 horas realizaranse estas carreiras que van dos 150 metros aos 2.200 metros. Durante a mañá na zona dos Tilos haberá actividades como obradoiro de skate, exhibicións de bicitrial, futbolín ou graffiti. Tamén estará o mercado do alimento labrego, coma todos os sábados, e haberá taberna. 

Xa pola tarde, ás 17:00 horas sairá de Bamonde a carreira popular na que participan as seguintes categorías: junior-promesa, senior e veterano. En total 194 inscritos/as que percorrerán 9 quilómetros ata o alto de Montouto. A meta estará no mirador natural de Pena Escorredía, no lugar no que se librou a Batalla de Cacheiras o 23 de abril de 1846. A proba deportiva ten un percorrido que remata nunha subida cunha importante pendente.

Esta ano, como novidade, colocouse na pena Escorredía un monumento en lembranza da Batalla de Cacheiras cunha placa na que se irán inscribindo os nomes do gañador/a da categoría absoluta de cada ano.

Tamén está planificada unha andaina dende Bamonde a Montouto que comezará ás 15:30 horas de xeito que as persoas que fagan o trazado a pé compartirán espazo cos corredores/as. 

A recollida de dorsais e da camiseta conmemorativa estará aberta a partir das 9.30 h a carón da piscina municipal dos Tilos para todas as categorías escolares e no punto xeodésico de Montouto (liña de meta) a partir das 15.00 horas e ata 30 minutos antes da proba para as categorías absolutas.

Os/as atletas adultos/as e participantes na andaina serán trasladados en autobús ata o punto de saída, na parroquia de Bamonde, saíndo ás 15.20 horas os autobuses para a andaina e entre as 15.45 e as 16.30 h os da carreira absoluta.

As entregas de premios están programadas a partir das 12.30 horas nas categorías escolares no parque dos Tilos e das 18.15 h no alto de Montouto para a carreira absoluta.

Haberá servizo de duchas a disposición dos e das atletas nas instalacións da Piscina Municipal dos Tilos para as carreiras escolares e no pavillón dos Tilos para á carreira absoluta.

Esta carreira pedestre Batalla de Cacheiras recuperará como a pasada edición a tradición de conmemorar os acontecementos sucedidos o 23 de abril de 1846, xa que a súa proba absoluta e andaina discorrerán polos camiños por onde as tropas do xeneral de La Concha avanzaron para enfrontarse ó exercito sublevado liderado polo xeneral Solís. Camiños cheos de historia, de cultura, de paisaxe e arquitectura popular que atravesan as parroquias de Bamonde, Oza e Cacheiras no Concello de Teo. Unha ruta lineal que comeza ó pé da reitoral de Bamonde e rematará no cumio de Montouto.  

A carreira popular Batalla de Cacheiras forma parte por primeira vez do V Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. Esta proba, organizada polo Concello de Teo, conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, de Gadis, do Club Motociclista TEo, de Sábora, de Silverreira de Abanca e da Comisión de Festas de Bamonde.

Batalla de Cacheiras