O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Bombeiros: acabáronse as escusas

| compartir:

Dende hai máis dunha década Santiago vén sendo utilizado polo Consorcio provincial contraincendios e salvamento da Coruña (entidade constituída paritariamente pola Deputación de A Coruña e a Xunta de Galicia) como unha escusa para discriminar a todos os concellos da comarca compostelá con respecto aos do resto da provincia.

A provincia da Coruña conta con 93 concellos. Pois ben, Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Vedra e Val do Dubra son 6 dos 15 concellos da provincia da Coruña que non contan cun parque comarcal de bombeiros. Por certo, todos sen poñer un peso, e isto dende principios da década do 2000. Alguén debera render contas deste desplante a unha comarca de preto de 100.000 habitantes en permanente risco de arder por falta de medios.

E por iso cómpre aclarar dúas cousas previas sobre o que aconteceu estes últimos días. Primeira, os alcaldes da comarca non asinaron ningún convenio, asinaron un papel de petición e de reclamación ao Consorcio. E segunda, os alcaldes da comarca non tomaron ningunha decisión sobre o tipo de parque, se este se facía convertendo o de Santiago en comarcal ou ben un de nova construción. Os alcaldes (Santiago incluído) pedímoslle ao xefe de bombeiros de Santiago, Xesús Martínez, que fixera unha valoración técnica dos custos de comarcalizar o parque de Santiago. Por certo, chapeau !, o informe presentado foi impecable, completo e moi ben fundamentado.

Quen tomou a decisión de desbotar esa posibilidade, a de ampliar o parque de Santiago, foi o Consorcio a través do seu xerente na reunión que os alcaldes mantivemos o dia 24 de abril na deputación, onde se pasou vinte minutos argumentando que a proposta de Santiago era inasumible.

Pois ben, hai algúns que non estamos dispostos a estar outros dez anos a voltas cos bombeiros de Santiago, e por iso nesa reunión eu dixen textualmente que non estaba disposto a perder máis tempo cunha discusión sobre Santiago. Santiago ten un parque de bombeiros, o resto temos un problema no que poñemos en risco a vida da xente.

Se ao Consorcio non lle vale a proposta de Santiago debe poñer outra enriba da mesa, e a custo cero coma o resto de concellos da provincia. Unha parte dos alcaldes alí presentes só puxemos unha condición: a xestión pública do parque comarcal. Esta demanda semella ademais que encaixa coa vontade da Deputación de asumir paulatinamente a xestión directa dos parques existentes, se ben é certo que con esa nova orientación os custos de persoal incrementaranse significativamente, como ben recoñeceu o xerente do Consorcio.

De cara ao futuro prima a comunidade de intereses e vontade de defendelos e reivindicalos. Un parque comarcal dimensionado para as necesidades e a poboación da Comarca, de xestión pública e a custo cero para os concellos. E todo iso empeza por asegurármonos de que a Xunta e a Deputación incorporan nos orzamentos do ano que ven as partidas necesarias para a súa construción e dotación. E senón escoitarannos e empezarán a asumir a responsabilidade do que pase por discriminar a esta comarca. Acabáronse as escusas.

Rafael C. Sisto Edreira, alcalde de Teo

Parque de bombeiros