O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

AS ASOCIACIÓNS CUTLURAIS DE TEO REÚNENSE PARA ORGANIZAR O SERÁN NOITIÑAS DE TEO

| compartir:

A Asociación Cultural  A Rexionalista, A Asociación Cultural A Ponte Vella, A Asociación Cultural Rosalía de Castro, A Asociación Cultural A Mámoa e a Sociedade Recreativa de Calo reúnense este venres 18 de marzo na organización do primeiro serán Noitiñas de Teo.

 

É esta unha vella idea das asociacións teenses que, tras a proposta por parte de integrantes destas asociacións, se logrou consolidar coa intervención e colaboración do Departamento de Cultura do Concello de Teo.

 

Trátase pois dun importante proxecto de colaboración entre o tecido asociativo cultural teense, coa premisa fundamental de que foron os representantes destas asociacións os impulsores e organizadores da actividade e o Concello é a parte colaborativa do programa.

 

Estas Noitiñas de Teo pretenden ser un punto de unión entre as persoas que integran as distintas asociacións municipais e o público xeral mediante unha intervención lúdica e de festa. Así, o que se pretende no serán é que toda aquela persoa que desexe traer o seu instrumento poida facelo uníndose libremente ao grupo que estea tocando e tamén que aqueles bailaríns e bailarinas que o desexen se sumen á festa de maneira espontánea. Será, pois, unha reunión de afeccionados á nosa música e baile no que toda aquela persoa que o desexe poida participar bailando, tocando e ata cantando.

 

Esta primeira Noitiñas de Teo pretende ser o primeiro dunha serie de seráns e de actuacións conxuntas entre o tecido asociativo cultural que, deste xeito, pretende fortalecerse e reforzarse mediante unha unión integradora. O serán comezará ás 21:00 horas no CSC da Ramallosa.

 

Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica. Contacontos infantil representado.

 

A Casa Común dos Tilos acolle este sábado 19, ás 18.00 h un contacontos dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 11 anos.

 

Carmiña, unha pinga de auga moi miudiña, de maior quere ser científica, como a súa avoa Filiberta. O día do seu aniversario, a súa avoa agasállaa cun paracaídas para poder baixar ao mundo dos humanos. No camiño, diferentes elementos da natureza fan que percorra o ciclo da auga.

 

XVI Festival de Bandas de Música de Teo. O  Auditorio da Ramallosa continuará con activdade durante a fin de semana, xa que o vindeiro domingo 20 de marzo a partir das 17 horas, como xa ven sendo unha tradición, celebrarase o Festival de Bandas de Música de Teo.

 

A Banda de Teo é a organizadora deste festival, que ten xa 16 anos de historia, e que nesta ocasión contará coa actuación, ademais da Banda Cultural de Teo, coa Banda Municipal de Música de Boiro e coa Banda de Música de Chantada.

 

A Banda Cultural de Teo conta coa colaboración para este festival do Concello de Teo e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

teo