O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A ACTUALIZACIÓN DA ORDENANZA DE VENDA AMBULANTE FIXA EXPRESAMENTE OS MERCADOS AUTORIZADOS

| compartir:

A actualización da ordenanza municipal de Teo sobre venda ambulante fixa expresamente como mercados autorizados no municipio o Mercado de Alimento Labrego dos sábados nos Tilos e o Mercado de Cacheiras, os venres. A norma, que vén de publicarse no Boletín Oficial da Provincia, entrará en vigor de maneira inminente.

En concreto, determínase que o Mercado de Cacheiras debe celebrarse os venres, de 9:00 a 14:00 horas, na vía de servizo da travesía de Cacheiras, á altura dos números 67-69. E o Mercado de Alimento Labrego dos Tilos establécese os sábados, de 10:00 a 14:00 horas, na Praza dos Tilos. Neste mercado, autorízase con carácter xeral a venda exclusiva de produtos de explotacións agrícolas de Teo e da contorna, con carácter directo e sen intermediarios. Excepcionalmente, co gallo de festas temáticas ou estacionais, permítese que asistan como convidados postos que ofrezan outro tipo de produtos artesanais.

 

A ordenanza estipula tamén condicións especiais para a Feira do San Martiño, que se celebra tradicionalmente cada 11 de novembro na Carballeira de Francos, na parroquia de Calo. Atendendo á súa relevancia histórica e cultural e ás súas singularidades, contempla que os postos de venda ambulante presenten unha comunicación previa de instalación e marca os criterios de emprazamento, dándolle prioridade á antigüidade e á situación tradicional dos postos.

 

Menor tempo de tramitación administrativa

A actualización desta ordenanza, que conleva a derrogación da vixente desde 2008, dálle resposta ás novas demandas deste sector de actividade e adapta a actividade tradicional á normativa actual. Entre outras melloras, procúrase reducir o tempo de tramitación administrativa na adxudicación de licenzas de venda ambulante. Incorpóranse ademais as novidades que introduce a lei do comercio interior de Galicia e varias melloras que permiten garantir a seguridade, a legalidade e o control da actividade.

 

Entre o seu contido, destaca que regula e clasifica a venda ambulante en mercados periódicos, en mercados fixos, en postos desmontables instalados na vía pública, en mercados ocasionais ou mediante camións ou vehículos-tenda. Recolle tamén as condicións e procedementos para obter a correspondente autorización municipal, así como os criterios para o emprazamento, a periodicidade e os horarios. E estipula as condicións técnicas, hixiénicas, sanitarias e de limpeza que se deberán cumprir, xunto cunha serie de obrigas e de dereitos dos vendedores.     

 

A creación dun rexistro municipal de Vendedores Ambulantes, que xestionará o Concello, é outra medida recollida na ordenanza, que incorpora un catálogo de infraccións e sancións que a administración municipal poderá aplicar no exercicio das súas competencias inspectoras.

mercado cacheiras