O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO DE TEO INSTALA LUMINARIAS LED EN VARIOS EQUIPAMENTOS MUNICIPAIS

| compartir:
Parroquia
Lucí

O Concello de Teo vén de cambiar a iluminación nos pavillóns municipais dos Tilos, a Ramallosa e no Auditorio Constante Liste. Esta actuación, que conta co cofinanciamento do Inega, enmárcase dentro do programa Teo Sostible, coordinado por Uxía Lemus, concelleira de Urbanismo.

Os cambios de luminarias e mellora de cadros eléctricos fíxose nestas últimas semanas e con esta actuación búscase fundamentalmente a mellora da eficiencia enerxética. No pavillón dos Tilos fíxose un investimento de 14.691 euros, dos que o Inega subvencionou 11.946 euros. No CSC da Ramallosa a actuación chegou aos 21.181 euros dos que foron subvencionados 16.876 euros, mentras que no pavillón da Ramallosa o gasto foi 12.201 euros do que 9.921 euros foron financiados polo Inega.

 

As actuacións contemplaron o cambio completo da iluminación nestes locais, tanto nos espazos comúns como nas zonas de salas ou despachos. Ademais do cambio de luminarias tamén se cambiaron os cadros eléctricos.

 

Estas axudas forman parte do programa de subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas, mediante proxectos de aforro e eficiencia enerxética na Administración Local, cofinanciadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

 

Loita contra a pobreza enerxética

 

Dentro do programa Teo Sostible tamén se traballa nun programa experimental de loita contra a pobreza enerxética. Nos últimos meses analizouse a realidade de quince familias para ver onde poden aforrar no consumo enerxético. Para esto visitáronse os domicilios ademais de estudar o gasto das facturas eléctricas. Neste momento xa se acordaron algunhas actuacións como mellora de illamento, cambio de luminarias convencionais ou de baixo consumo por led, ou cambio de electrodomésticos moi antigos. Estes cambios deberían traducirse en aforros na factura e maior confort nas vivendas dun xeito case inmediato. De todas maneiras a segunda fase do programa contempla a análise das facturas dentro dun ano para ver o cambio.

Pabellón