O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

COMEZAN AS ACTIVIDADES PREVIAS Á FEIRA DO SAN MARTIÑO

| compartir:
Parroquia
Lampai

Achégase o San Martiño, a feira tradicional que se celebra todos os 11 de novembro na carballeira de Francos, na parroquia de Calo. E antes do gran día no que o espazo se encherá de cabalos, carpas de polbo e sobre todo milleiros de persoas de Teo e de fóra do Concello comezará unha programación previa este mesmo sábado. 

O sábado 5 de novembro ás 19:00 horas proxectarase o documental "Frankenstein 05155" sobre o accidente do Alvia en Angrois na escola de Francos. Despois do visionado da cinta realizarase un coloquio co director. O domingo 6 ás 11:00 horas haberá un percorrido a pé pola Ruta do túnel. Serán seis quilómetros de dificultade baixa saíndo dende o Cruceiro de Francos. E ás 17:30 horas, de novo na escola, poderase ver o espectáculo "Lavandeiras" de Contos da boa pipa para todos os públicos. 

Na véspera da feira, na noite do xoves, xa haberá animación con numerosos postos de polbo e churrasco. Dende o Concello programouse para ese momento unha noite de regueifeiros e a actuación dunha charanga e dun DJ. Esta animación festiva comezará dende as 21:30 horas. 

O venres 11, festivo local en Teo, a feira encherase dende moi cedo coa chegada dos cabalos, elemento central do San Martiño. Ademais haberá numerosos postos de venda de produtos: artesanía, aparellos de labranza, produto labrego, comida ou téxtil... 

Dende o Concello lémbrase que haberá zonas de aparcamento de balde antes de chegar á carballeira. Tamén convén lembrar que esta feira se sigue celebrando nun entorno natural privilexiado como é a carballeira de Francos, polo que se recomenda ser respectuoso co medio tentando non deterioralo.

COMEZAN AS ACTIVIDADES PREVIAS Á FEIRA DO SAN MARTIÑO