O Delas Fest busca veciñas que axuden a inspirar o novo mural que acollerá o Concello de Teo

16-05-2022
mural

O festival feminista de arte urbana e contextual, o Delas Fest, volve lanzar unha convocatoria para que calquera persoa ou colectivo do municipio colabore coa artista convidada no proceso creativo que dará lugar a un novo mural en Teo no mes de xuño. 

7H Cooperativa Cultural, a entidade organizadora do festival feminista de arte urbana e contextual Delas Fest, busca a veciñas e veciños do Concello de Teo que queiran implicarse no proceso creativo da artistas convidada na cuarta edición, que se desenvolverá entre o 6 e o 21 de xuño na comarca de Compostela.

A través da convocatoria “Anfitriónate”, nada da vontade de reforzar os vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e as localizacións na que estas se realizan, o Delas Fest anima a persoas e colectivos a exercer como anfitrioas das artistas. O obxectivo é que a veciñanza comparta experiencias e coñecementos que poidan inspirar á creadora convidada a elixir a temática do mural.

Este ano, debido á liña de traballo e intereses da creadora convidada, a organización fai un chamamento especial ás persoas que conten con información sobre a Feira de San Martiño de Francos, a Escola de Francos ou a zona da Carballeira.

Data e horarios das actividades

A primeira actividade terá lugar o xoves 26 maio, de 19 a 20h a través dunha reunión virtual orientada a establecer unha primeira toma de contacto da artista co territorio. Posteriormente, o mércores 15 de xuño haberá un segundo encontro que se celebrará de xeito presencial, no que a creadora compartirá coas veciñas anfitrioas o deseño preparado para recoller suxestións ou novos datos que permitan perfeccionar a proposta antes de comezar a pintar.

A través de ambas as dúas xuntanzas, destinadas ao intercambio de relatos, experiencias e información, a organización aspira a enriquecer o paso da artista por Teo e facilitar que as súa obra non resulte allea á comunidade que a acollerá.

As interesadas en ser parte da convocatoria deben cubrir o formulario dispoñible na páxina web de 7H Cooperativa Cultural: https://forms.gle/ZYC6BPGsbp6jKDjN9

Máis información premendo aquí ou escribindo a 7hcoop@7hcoop.gal