O Concello traballa nun proxecto de apoio as persoas maiores de 80 anos que viven soas

25-03-2020
coronovirus

Os servizos Sociais comunitarios de Teo están a facer un proxecto de apoio para as persoas maiores de 80 anos que vivan soas e que aínda non son usuarias dos servizos municipais.  Como primeiro paso, e en colaboración coa Garda Civil do Milladoiro, a Policía Local e a Agrupación de Voluntariado de Protección Civil están procedendo a depurar os datos do Padrón Municipal de habitantes para saber exactamente cantas persoas maiores viven soas.

Nos próximos días visitaranse  arredor de 190 domicilios nos que aparece só censada unha persoa maior de 80 anos. Estes datos seguramente non se corresponden coa realidade e por iso é necesario comprobalos. Solicitamos ás persoas maiores que atendan estas visitas e proporcionen a información que se lles demande. Pedimos, así mesmo, que desculpen as molestias, pero é necesario este procedemento para atendelas mellor.

Indicamos igualmente que, posteriormente, existe a posibilidade de que se amplíe este rango ás persoas maiores de 75 anos, segundo o resultado desta primeira fase.

Unha vez localizadas estas persoas, as traballadoras sociais poñeranse en contacto con elas para coñecer e valorar as súas necesidades. Establecidas estas, activaremos as accións necesarias para que teñan cubertas as súas necesidades básicas, e poidan dispoñer de acompañamento a través de canles coma o teléfono. Para isto contaremos coa Agrupación de Voluntariado de Protección Civil e outras persoas voluntarias que nestes días nos fan chegar o seu ofrecemento de colaboración. Nun segundo momento estudarase se é preciso pedir máis persoas voluntarias para facer un seguemento telefónico destas persoas.

Nestes momentos de incerteza, o traballo en rede é mais necesario ca nunca, moitas grazas a todas as que colaborades neste proxecto.