Titiriberia ofrecerá 12 funcións nunha cuarta edición que afonda na descentralización e na recuperación dos monicreques tradicionais

05-11-2019
Titiriberia

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa cuarta edición entre o 9 e o 15 de novembro cunha programación que inclúe 12 funcións, unha mesa redonda, dúas exposicións, cursos de formación e unha serie de actuacións para os centros de ensino do municipio teense. Deste xeito, Titiriberia estende a súa programación durante sete xornadas e volverá centrar parte da súa atención na Feira do San Martiño, recuperando así a Carballeira de Francos como espazo de difusión dos monicreques tradicionais.

Neste 2019, o Festival Tititiriberia afondará ademais na “transversalidade”, de xeito que a súa programación está pensada para desenvolverse entre tres piares fundamentais: a descentralización, levando as actuacións a diferentes puntos do concello de Teo; a implicación do sector profesional, a través de cursos de formación que imparte a prestixiosa artista napolitana Irene Vecchia, e a aposta clara pola creación de novos públicos, mediante o conxunto de funcións, videoforums e obradoiros que se están a desenvolver nos institutos e colexios do municipio baixo o paraugas 'Da barraca á aula', programa escolar que se desenvolve ao abeiro das subvencións para actividades culturais da Deputación da Coruña. Así o explicaron hoxe a presidenta da Asociación Cultural Morreu o Demo, Comba Campoi; e a coordinadora do Titiriberia, Larraitz Urruzola que, xunto á concelleira de Cultura de Teo, Maite Argibay, e ao deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, participaron na presentación ante a prensa da cuarta edición do festival.

A concelleira de Educación destacou a importancia desta iniciativa "coa que se promove e conserva o patrimonio inmaterial cultural do monicreque tradicional". Mayte Argibay tamén salientou o interese de que o programa "atenda ao tecido educativo, asociativo e teña presenza na feira do San Martiño, cunha réplica da barraca tradicional de Barriga Verde".

Precisamente, o plan de actividades nos centros do ensino Da barraca á aula principiou o pasado 8 de outubro no IES Cacheiras coa primeira sesión do videofórum, consistente na proxección do documental Morreu o demo, acabouse a peseta, producido por Tintiman Audiovisual e dirixido por Pedro Solla. Dende aquel momento, os monicreques fixéronse presentes en centros coma o CEIP Os Tilos, o CEIP A Igrexa de Calo, o CEIP A Ramallosa ou IES Cacheiras grazas aos obradoiros e ás vindeiras funcións para o público escolar que se desenvolverán ao longo dos vindeiros días.

Así, a primeira das representacións para púbico escolar celebrarase o vindeiro 12 de novembro, estará destinado ás alumnas e aos alumnos do último ciclo de primaria e correrá a cargo do compañía Fantoches Baj, que representará a súa peza Fábula Galénica en dúas sesións (10.30 e 12.30) no Auditorio Constante Liste. Nesa mesma xornada, no Salón de Actos do IES Cacheiras ás 13.35 h., actuará Marcelo Lafontana para o alumnado de 1º e 2º da ESO. Dous días despois, o 14 de novembro, a compañía La pícara locuela representará El Faldón de la locura, montaxe dedicado ao alumnado de educación infantil no Auditorio Constante Liste en dupla sesión, ás 10.00 h. e ás 12.30 h.

Na Feira de Francos

Un ano máis, Titiriberia asentará a súa presenza na Feira de Francos polo San Martiño coa instalación da súa xa habitual Barraca. Este espazo escénico, situado na Carballeira de Francos, abrirá a súa actividade o domingo 10 de novembro ás 21.30 h. coa estrea de As varietés do Barriga Verde, un espectáculo que. presentado por Iria Pinheiro co acompañamento musical do grupo Áureas, contará coas actuacións de clown, escapismo e manipulación de obxectos a cargo de Pajarito, Maria Dobronich (Arxentina), Quinquilláns, Trécola e Alakrán.

Xa o luns, día de San Martiño, a partir das 10.30 h. as compañías galegas Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas e a Cía Indignati da Asociación Galega de Commedia dell'arte encargaranse da animación de rúa e do campo da festa con diferentes actuacións que servirán para chamar a atención do público. Ás 11.30 h., na propia Barraca, chegará a quenda de Barriga Verde ataca de novo, espectáculo de Títeres Alakrán, e ás 12.30 h., a artista napolitana Irene Vecchia presentará a súa peza Pulcinella. A actividade na Barraca completarase pola tarde xa co artista de orixe brasileira afincado en Portugal Marcelo Lafontana que ofrecerá a partir das 16.00 h. un pase da súa peza Mamulengo Capiroto, que tamén se poderá ver pola mañá nunha primeira sesión ás 10.30 h.

A actividade de Titiriberia, lonxe da Feira de Francos, estenderase a diferentes puntos do Concello con tres espectáculos para o público familiar. O primeiro deles terá lugar o sábado 9 de novembro ás 18.00 h. no Local da Asociación A Mámoa (Iglesia, 18. Luou), que recibirá a Viravolta Títeres e a súa peza Barriga Verde. A segunda prográmase para o vindeiro mércores 13 de outubro no A.R.C Os Tilos e correrá a cargo da compañía galega Títeres Cachirulo que lle brindará ao público a súa peza Camiño de Aventuras. E a terceira celebrarase o venres 15 de outubro no local A.C.R San Xoán de Calo, que acollerá Juego de Polichinelas, da compañía segoviana La Pícara locuela.

Finalmente, a oferta de Titiriberia complétase coa exposición A grande familia do títere europeo, que se pode visitar até o día 15 na Piscina Municipal; a mostra sobre a historia de Barriga Verde que acollerá a propia Barraca na Feira de Francos e a mesa redonda que se celebrará este sábado 9 ás 20.00 h. na Casa Grande de Cornide baixo o título Onde vai a cachaporra? Títeres tradicionais no panorama galego. Nela participarán Topo Vidal, Irene Vecchia, Os Monicreques de Kukas e a titiriteira lalinense Pilar Álvarez Blanco.