Rafael Sisto é reelexido alcalde do Concello de Teo

15-06-2019
alcalde

Esta mañá celebrouse no salón de plenos a sesión constitutiva da nova corporación elexida nas eleccións do pasado 26 de maio. Na mesma tomaron posesión os/as novos/as concelleiros/as electos/as do BNG, PSdeG-PSOE, SondeTeo e PP. 

Na sesión tamén se elixiu ao novo alcalde. Rafael Sisto (SondeTeo) foi reelixido cos votos do BNG, PSdeG e os da súa formación. Un total de 10 votos fronte aos 7 que apoiaron a José Manuel Guerra (PP). 

O alcalde prometeu o seu cargo e recibiu o bastón de mando de mans de Roberto Moñino, o edil que presidía a mesa de idade. Rafael Sisto agradeceu o apoio recibido ás forzas políticas que votaron favorablemente a súa investidura. 

A continuación fixo unha reivindicación do papel da política democrática e de representación e concretamente da política municipal. Explicou que "estamos nunha data histórica por que por primeira vez a corporación de Teo ten  maior número de concelleiras ca de concelleiros e non me doen prendas en recoñecerlle ao Partido Popular a contribución que fai a esa situación" indicou para de seguido "reivindicar a política feita polos maiores e tamén a importancia de facer política para a mocidade co compromiso de trasladarlle a esa mocidade o que custou conseguir un sistema democrático que nos permita estar hoxe aquí e decidir entre todos e todas quen nos representa durante catro anos".

Reivindicamos a política como base da convivencia cidadá e nese sentido hai unha política representativa e hai outra cidadá ou social, a que desenvolve o movemento asociativo, que son garantía de defensa dos dereitos da cidadanía, indicou Sisto. "Por eso a política institucional ten que levar de man esa política que moita xente anónima desenvolve en todo tipo de plataformas e movementos sociais", destacou o rexedor.

Podes ver a sesión de investidura completa na nosa canle de YouTube premendo aquí