O Concello convocará novas prazas de persoal nas vindeiras semanas

04-12-2019
prazas persoal

Nos vindeiros meses o Concello realizará varios procesos de selección de persoal. Unha das principais novidades sobre procesos anteriores é que se publicará a primeira vacante dirixida exclusivamente a persoas cun grao de discapacidade de polo menos o 33%. Será a de auxiliar de biblioteca, categoría C2, que se cubrirá mediante concurso oposición e será
persoal laboral fixo.

As bases deste posto xa están publicadas e podes consultalas aquí. O prazo para presentar as solicitudes abrirase nos vindierios días, dende a publicación das citadas bases no DOG e no BOE. 

Segundo explica Ignacio Iglesias, concelleiro de Persoal, “a reserva desta praza para persoas con discapacidade é unha aposta clara pola integración social e laboral a través do emprego público das persoas con distintas capacidades”.

Ignacio Iglesias destaca ademais que “os distintos procesos iranse publicando priorizando as necesidades dos departamentos municipais”. De feito prevese a cobertura de dúas prazas de operario de servizos múltiples, categoría C2, para a brigada de obras e unha para parques e xardíns. Ambas serán persoal laboral fixo e cubriranse por concurso oposición. Iglesias destaca que “as persoas seleccionadas reforzarán a brigada de obras e a de parques e xardíns, moi afectadas polas políticas de restrición á contratación de persoal nas administracións públicas, que levamos arrastrando
nos últimos quince anos”. A previsión é que as bases se publiquen durante o mes de decembro.

En paralelo está previso reforzar o cadro de persoal da Policía Local, con dúas persoas máis, un inspector de Policía, categoría A2, e un axente, categoría C1. Neste caso o acceso será por mobilidade, un procedemento reglado
no que as vacantes se cubren por un concurso de méritos, o que garante axilidade na cobertura. Tamén se quere cubrir mediante comisión de servizos a praza dun axente que está en excedencia.

Dende Persoal tamén se traballa na constitución de bolsas de sustitución. As bases xerais publicaranse nas próximas semanas e as primeiras bolsas que se van convocar serán as de educador/a de escola infantil, persoal de cociña e limpeza. A nivel interno tamén se traballa na convocatoria dos procesos selectivos de promoción interna, destinados a traballadores municipais que optan a ascender de categoría dentro do cadro de persoal.