O CONCELLO COMEZA A RECOLLER INFORMACIÓN SOBRE AS POSIBILIDADES DE ACOLLIDA DE REFUXIADOS QUE SE PODEN OFERTAR

04-09-2015
teo

O Concello de Teo pon en marcha un proxecto para avaliar a capacidade de acollemento de refuxiados do que pode dispor en función das capacidades municipais e do interese da cidadanía por colaborar. Trátase dun primeiro paso de recollida de información sobre a dispoñibilidade de recursos que permita realizar unha proposta seria sobre as familias que poderían chegar a Teo, unha vez conseguiran o estatus de refuxiado.

Dende o Concello de Teo considérase que “a situación actual esixe unha toma de posicións e entendendo que non podemos decidir a política migratoria da Unión Europea si podemos pedir que non se poña á sociedade como desculpa para non atender ás persoas refuxiadas” indica o edil de Benestar, Ignacio Iglesias.

 

A través do Departamento de Benestar Social vaise por en marcha unha acción pola que se vai dar acubillo, organización e funcionalidade ás posibilidades de acollida que a cidadanía poida ofertar. Para isto aquelas persoas que teñan posibilidade de ofertar unha vivenda ou unha estancia poderán comunicalo ao correo electrónico ignacioiglesias@concellodeteo.com indicando no asunto ACOLLIDA ou no teléfono mobil (609 716 761). Posteriormente persoal técnico realizaría unha visita ao domicilio e faríase unha entrevista coas persoas ofertantes para estudar e valorar a oferta. Con esta información confeccionarase unha oferta seria de posibilidades de acollida.

 

En paralelo o Concello quere organizar un grupo de voluntariado para poder atender os seguintes aspectos: valoración de ofertas, intermediación cultural, apoio social dun grupo de acollida e acompañamento, apoio infantil e integración escolar, apoio lingüístico, apoio psicolóxico, reforzo dos grupos de voluntariado municipal do banco de alimentos e do roupeiro municipal e seguimento da convivencia e solución de conflitos. As persoas que queiran colaborar nalgún destes aspectos poden enviar un correo a ignacioiglesias@concellodeteo.com ou chamar ao teléfono 981 809 707 e deben indicar a súa profesión.

 

Unha vez realizado este traballo de campo o Concello de Teo comunicará á Delegación do Goberno en Galicia e á Consellería de Benestar da Xunta de Galicia este proxecto e a súa dispoñibilidade.