Contacontos de Paula Carballeira

Paula

A contadora e veciña de Teo Paula Carballeira preséntanos o contacontos familiar Elas Tres (A nai, a nena, a bruxa) E moitas outras en Oza o domingo 13 de decembro ás 17:30 horas. 

Unha nena é a protagonista da súa historia. Nada máis sinxelo. Nada máis difícil. Na historia da nena hai unha nai, que tamén foi nena, e unha bruxa, que tamén foi nena. Todas son protagonistas. Todas son intelixentes, astutas, valentes. Ás veces conseguen os seus obxectivos, ás veces non, pero nunca se renden. Nesta selección de contos, recreacións da tradición galega, escóllense historias como a dos “Catro camiños”, onde nos enfrontamos ao medo de camiñar por lugares escuros e conseguimos ser un chisco máis libres; “O mellor consello”, onde unha rapaza busca desesperadamente un consello que lle permita tomar as súas propias decisións ou “Os perigos de fóra”, na que unha nai mosquita apréndelle á súa filla a vencer os perigos de dentro para poder vencer os perigos de fóra.

A actividade está recomendada dende 4 anos.

A actividade é de balde pero é preciso reservar entrada enviando un correo electrónico a entradascultura@teo.gal indicando o nome e número de entradas ademais dun teléfono de contacto.