O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Enreguéifate vén de pechar o prazo de inscrición do certame de regueifas en vídeo mantendo a súa boa acollida nesta nova edición, con 84 vídeos inscritos entre as dúas categorías do concurso, a escolar e a xeral. A organización destaca a diversidade de propostas recibidas, que reflicten a vitalidade dun xénero capaz de conectar tradición e novas linguaxes creativas.
Dentro da categoría escolar, para alumnado non universitario galego, participaron no certame un total de 45 centros escolares procedentes das catro provincias galegas, entre os que se atopan centros educativos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, os seis concellos impulsores do proxecto, cuxo alumnado recibiu formación sobre improvisación oral nesta novena edición do Enreguéifate.
Co peche do prazo de inscrición, arrinca agora a fase de votación do certame. O panel de persoas expertas encargado de valorar os traballos está integrado por Laura Gil, técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Arzúa; Conchi Cochón, técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Pontevedra; Manolo Maseda, profesor e regueifeiro; e Séchu Sende, profesor, escritor e regueifeiro. En breve darase a coñecer o fallo do xurado, que outorgará oito premios por categoría para recoñecer á regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.
A entrega de premios terá lugar nunha gala que se celebrará o xoves, 16 de abril, no Teatro Principal de Pontevedra. Os vídeos participantes no certame están accesibles na web do proxecto: enregueifate.gal.
Espallar a regueifa con versos doutro universo
Alén do certame de vídeo, o Enreguéifate levou a cabo entre novembro e febreiro máis de cen obradoiros escolares en centros educativos dos seis concellos impulsores do proxecto. Foron encontros dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO, dinamizados por referentes e profesionais da regueifa como Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo co obxectivo de divulgar os xéneros de improvisación oral en galego e construír comunidade na nosa lingua entre a xente moza.
A cifra de obradoiros, sumada á participación no certame, semella confirmar que a regueifa goza de boa saúde. Este xénero centenario demostra unha vez máis a súa capacidade para se adaptar, medrar e conectar con novas xeracións. A palabra improvisada segue a ser, hoxe, un espazo de encontro, creación e transmisión cultural.