O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Concello de Teo renovou por completo a súa páxina web de Turismo, cunha estética acorde á páxina principal e unha maior organización dos contidos, co fin de facilitar a navegación e visibilizar toda a súa riqueza cultural e patrimonial. Na presentación estiveron a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañada pola concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, a técnica de Turismo, Liduvina Campoamor, e o técnico informático, Alejandro López.
Así, o navegante poderá coñecer as distintas rutas naturais que hai no Concello, tendo información do percorrido en canto a distancia, tempo, dificultade e, incluso, información dos lugares máis emblemáticos que atravesa. Unha forma de poder coñecer nun click as distintas posibilidades de percorrer o concello dunha forma amena e saudable.
No apartado de patrimonio, a páxina web recolle todos os elementos arqueolóxicos, arquitectónicos, etnográficos e naturais que hai nos preto de 80 quilómetros cadrados do concello. En patrimonio, os usuarios da web poderán descubrir a ubicación e historia de elementos como a área arqueolóxica do Monte Piquiño, os marcos da Agrela e do Porto, así como diferentes petróglifos de gran interese como é o de Pena Bicuda de Loureiro, o do Outeiro do Corno ou do Río Angueira.
Seguindo pola natureza, ilustran o portal a fraga do Sestelo e a Devesa do Agromaior, ademais da área recreativa do Xirimbao e o seu couto de pesca sen morte. Pero tamén hai espazo para miradoiros tan espectaculares como o situado no Cumio de Montouto e Pena Escorredía, un lugar de destacada relevancia histórica onde os días despexados de inverno se poden ver os cumios nevados das serras ourensás, sen esquecernos da tan famosa Carballeira de Francos.
En cantos aos elementos arquitectónicos, a nova web ofrece datos de interese sobre infraestruturas tan emblemáticas como a casa reitoral de Bamonde ou a escola de Francos; igrexas de gran valor como a de Santa María de Teo ou a de San Miguel de Rarís; capelas como a de Santa Ana de Lampai ou a do Espírito Santo. Pero tamén pontes, como a medieval de Pontevea, a colgante do Xirimbao ou a de Paradela, que embelece o escudo oficial do Concello, sen esquecernos de cruces e cruceiros, ermidas e a tan coñecida Burga de Xermeade.
Por último, o patrimonio etnográfico e inmaterial de Teo, coas súas festas parroquiais, o entroido dos Xenerais da Ulla ou a Feira Cabalar do San Martiño de Francos, declarada este ano Festa de Interese Turístico de Galicia. Pero tamén lavadoiros tradicionais ou o núcleo tradicional de Pontevea, un lugar na parroquia de Reis de gran actividade económica e social ao longo da vasta historia da vila.
Restauración e comercio local
A nova páxina web, desenvolta integramente por persoal municipal, inclúe un amplo apartado dedicado á hostalaría local, que permite coñecer os lugares onde comer, durmir ou celebrar eventos. Tras diversos contactos co sector, reflíctense as distintas opcións dispoñibles para facilitar a visita tanto de turistas como da propia veciñanza.
Ademais, os establecementos comerciais e de artesanía de Teo contan cun espazo propio na web institucional, con información de contacto e descrición dos produtos e servizos ofrecidos. Deste modo, preténdese apoiar e poñer en valor o tecido económico local e os oficios tradicionais que forman parte da identidade teense.
A web continúa aberta para incorporar novos establecementos hostaleiros, comerciais e de artesanía que desexen aparecer neste espazo promocional, co obxectivo de que a información estea sempre actualizada e represente a totalidade da oferta turística de Teo. Ademais, o novo portal cúmpre cos estándares de accesibilidade e pode consultarse en todo tipo de dispositivos: móbiles, tabletas e ordenadores portátiles.