O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

Teo abre o Mes de Teatro cunha programación intensa pensada para todos os públicos

| compartir:

O Concello de Teo dara comezo ao tradicional Mes de Teatro, unha cita anual coa escena que se celebra durante os fins de semana do mes de outubro. Nesta edición, a programación chega cargada de propostas diversas, pensadas para todos os públicos: desde bebés, rapazada e familias ,pasando pola mocidade,  persoas adultas e o público sénior.

A apertura será o venres 3 de outubro coa actuación dun dos grandes referentes históricos da escena galega como é Quico Cadaval, que presentará o seu espectáculo “30 anos a contar historias. Notas de Rodapé”. Un relato que comeza cun morto nunha encrucillada —a historia que máis veces contou— e remata co conto máis fermoso do mundo. Polo medio… o que mande o público.

O sábado 4 será a quenda dos máis pequenos da casa, coa proposta "Catro" especialmente pensada para bebés de entre 8 meses e 4 anos, que chega da man de Caramuxo Teatro, unha experiencia multisensorial de danza-teatro orientada á primeira infancia.

O venres 10, o protagonismo será para os nosos maiores, que poderán desfrutar da obra “Asuntos escuros”, representada polo veterano Clube de Maiores de Boqueixón de teatro amater. Unha historia chea de misterio e avaricia que envolve os secretos dunha familia.

O sábado 11, voltamos ao público infantil co espectáculo musical “A Landra viaxeira e o amigo Lambón” da man do grupo  Os Jalochos. Unha proposta que busca fomentar o uso da lingua galega entre as crianzas a través das nosas lendas, costumes e personaxes tradicionais.

O sábado 18,  contaremos co Show Moscón  un espectáculo da compañía Galitoon, que conta cun circo marabilloso con varietés itinerantes e presentado por un simpático moscón, divertido e cheo de humor.

O venres 24, Awanta Producións presentará “O Rianxeiro”, un espectáculo musical que non podería faltar neste ano Castelao 2025, que homenaxea e afonda na vida e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A través da música, a conversa e o humor, o público mergullarase no pensamento e legado dun dos persoeiros máis destacados da nosa cultura. Entretemento e aprendizaxe únense nesta proposta pensada para  a mocidade e os adultos.

Un dos momentos máis destacados deste Mes do Teatro 2025 será o estreo a nivel galego en Teo da peza "Nas nubes", da compañía Redrum Teatro. Esta proposta está pensada especialmente para a mocidade e adultos, pero será o alumnado do IES local quen teña o privilexio de desfrutala en primicia o día 22. A obra abrirase tamén ao público xeral o sábado 25"Nas nubes" é unha peza provocadora e con risas garantidas, que mergulla ao espectador nas tensións actuais entre tecnoloxía e identidade. Cun enfoque humorístico e reflexivo, aborda o impacto dos dispositivos dixitais e das redes sociais na nosa vida diaria, alertando sobre a deshumanización nun mundo cada vez máis automatizado e virtual.

Para poñer o ramo a este mes do teatro 2025, non podería ser doutro xeito que aproveitando que o venres é 31 de outubro, e coincide coa celebración do Samaín, contaremos no auditorio  coa presenza de O feiticeiro Henriko, que nos ofrecerá un espectáculo cheo de maxia, diversión e moito, moito terror.

Con esta proposta diversa, innovadora e para todos os públicos, o Mes de Teatro de Teo reafirma o seu firme compromiso coa promoción e fomento da cultura teatral do noso Concello. Ao ofrecer unha programación de calidade que abarca desde a primeira infancia ata a mocidade, adultez e a terceira idade, o Concello busca consolidar o teatro como unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento cultural, educativo e social da comunidade. Este evento convértese así nun espazo de encontro, aprendizaxe e diversión, que fomenta a participación activa do público e impulsa a creación artística local e galega, contribuíndo a preservar e enriquecer o patrimonio cultural de Teo.

Lembrade reservar as vosas entradas con antelación para asegurar o voso lugar. Non quedes sen a túa!

 

foto