O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Enreguéifate convoca a súa sétima edición baixo o lema "Temos madeira regueifeira!"

| compartir:

Temos madeira regueifeira!”. Con este lema, o Enreguéifate, un proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, pon en marcha a sétima edición do seu certame de regueifas en vídeo. 

Na presentación, este mediodía no Pazo de Raxoi en Santiago, participaron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Contratación, Mocidade, Feiras e Mercados do Concello de Carballo, Ramón Varela Rodríguez; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate. 

“Trátase dunha firme aposta pola colaboración entre administracións municipais co obxectivo conxunto de defender e promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír así á promoción e dinamización do uso da lingua galega”, explicou Goretti Sanmartín. 

O lema elixido para esta sétima edición é “Temos madeira regueifeira!”. Con esa idea, o Enreguéifate procurará sacar á luz o talento para a improvisación oral que existe no noso país. En palabras da organización: Temos madeira regueifeira porque a regueifa circula desde as nosas raíces até o século XXI. A regueifa é de natureza patrimonial, o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso. 

Prazo e categorías do certame

O prazo para participar no certame de regueifas en vídeo estará aberto dende hoxe e ata o 1 de marzo. A inscrición pode realizarse dende a páxina web do certame, onde xa están dispoñibles as bases: www.enregueifate.gal 

As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos. 

Segundo explicou o concelleiro de Carballo, Ramón Varela Rodríguez, "repítense as categorías de anos anteriores": unha xeral, para calquera persoa; e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, de xeito que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen. Como en edicións previas, haberá tamén seis premios en cada unha das categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. A gala de entrega dos galardóns celebrarase na mañá do mércores, 3 de abril de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. 

Obradoiros escolares e para profesorado 

O proxecto Enreguéifate non só se limita ao certame de regueifas en vídeo, senón que desenvolve accións formativas para estudantado e profesorado. Así, segundo detallou Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, dende o pasado mes de outubro e ata febreiro, están a levarse a cabo máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e da ESO dunha trintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo “cunha gran acollida tanto entre o alumnado como entre o profesorado”. 

Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces son este ano as persoas encargadas de impartir as accións formativas para escolares. A regueifeira de Coristanco, bisneta do considerado padriño da regueifa de Bergantiños na década dos 80, foi precisamente quen abriu, regueifando, o acto de presentación este mediodía.

Ademais, por segundo ano consecutivo, tamén nesta sétima edición o proxecto Enreguéifate veu acompañado dun obradoiro para profesorado, impartido o 6 de outubro de 2023 no Espazo Apego do Concello de Santiago, da man de Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro, ademais de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, formadores do Enreguéifate. Nel, participaron uns corenta docentes de toda Galicia, que puideron achegarse ou dar un paso máis no mundo da improvisación oral en verso e as súas potencialidades educativas. O obxectivo, salientou a concelleira de Lingua de Teo, e que xa está a dar os seus froitos, é que profesoras e profesores multipliquen a madeira regueifeira entre o seu alumnado, para estimulalos tamén a participar no certame Enreguéifate. Ademais, María Vázquez sinalou que dende o Concello de Teo “estamos moi contentos de traballar para fomentar o galego neste eido e mosra disto é o gran traballo que realiza o alumnado do IES de Cacheiras”. 

 

foto

Arquivos descargables

Attachment Size
Cartel Enregueifate2023_24.pdf 788.72 KB