O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

UNHA ORDENANZA PROTEXERÁ OS VIAIS MUNICIPAIS DURANTE OS TRABALLOS FORESTAIS

| compartir:

O goberno de Teo promove unha nova ordenanza para protexer os camiños e vías públicas de titularidade municipal durante a realización dos traballos forestais. A norma, que será sometida a debate e votación no pleno da corporación deste mes de setembro, ten por obxectivo garantizar ao máximo a prevención e a reparación de danos en tarefas de corta, extracción e transporte de madeira.

O propósito do Concello de Teo con esta ordenanza é “extremar o celo para que estas importantes infraestruturas non sufran danos nas operacións inherentes a unha explotación forestal de madeira”. Deste xeito, garantirase a súa perdurabilidade para este tipo de traballos, pero tamén se facilitarán os accesos no caso de ter que intervir ante un lume e mesmo se facilitará o uso recreativo e deportivo das pistas forestais, que se incrementa ano tras ano, en boa medida pola proximidade das zonas urbanizadas e as de uso agrícola e forestal que caracteriza o municipio.

 

Comunicación previa

O texto establece a obriga de presentar unha comunicación con quince días hábiles de antelación ao inicio dos traballos. O impreso normalizado ten que asinalo o madeirista e incluirá os seus datos de identificación, as datas previstas de inicio e remate dos traballos, a identificación completa do lugar, a especie e cantidade prevista de madeira a extraer, os datos dos vehículos que se utilizarán para os traballos, os lugares previstos para depositar a madeira, e os camiños e vías que se empregarán para a súa retirada.

 

O Departamento Municipal de Medio Ambiente, cun informe da Policía Local no que se comprobe o estado físico dos viais que se utilizarán, será o que autorice os traballos, coa posibilidade de denegar ou limitar o uso de camiños, segundo o seu estado, resistencia, ubicación ou coincidencia con outros usos.

 

Obrigas do madeirista

Ademais, a norma obriga ao madeirista a sinalizar os viais nas zonas de extracción e depósito de madeira,  e a limpar, retirar ou eliminar os residuos xerados ao remate de cada xornada laboral para que os camiños manteñan o estado de limpeza e conservación. Do mesmo xeito, terá que limpar as superficies de monte e terreo forestal para evitar riscos de incendio e repoñer ao seu estado anterior as ramplas abertas para acceder ás fincas ou montes.

 

Garantía económica previa

A proposta inclúe tamén a obriga de que o madeirista responda dos danos ocasionados nos lugares da tala, camiños de acceso, instalacións e demais infraestruturas por mor das actividades de saca da madeira. A tal efecto, terá que depositar unha garantía económica no momento da comunicación da tala, en función do vehículo de maior peso que empregue nos traballos. A garantía vai desde os 1.600 euros por vehículos de Peso Máximo Autorizado menor a 10 toneladas ata os 5.000 euros se se utiliza un vehículo de máis de 24 toneladas.

 

A garantía será devolta unha vez que un informe municipal determine que non se produciu ningún estrago en vías, servizos e infraestruturas públicas municipais. No caso de que existan prexuízos e o madeirista non atenda o requerimento de reparalos, o Concello utilizará a garantía para realizar os traballos que sexan necesarios. E se o diñeiro non fose suficiente para atender os danos, o Concello recadará a diferencia como ingreso de dereito público.

 

Infraccións e sancións

Así mesmo, o texto cataloga unha serie de infraccións, distinguindo entre moi graves, graves e leves, e determina as sancións que se poderán aplicar, desde un máximo de 1.000 euros nas infraccións leves, de entre 1.001 e 2.000 euros para as graves e de 2.001 a 5.000 euros para as moi graves.

 

Responsabilidades dos propietarios da madeira

As persoas propietarias dos montes ou parcelas nos que se emprace a madeira a extraer terán que cumprir as obrigas fixadas na ordenanza unicamente cando o madeirista non puidese ser identificado. Neste caso, afrontarán as infraccións e sancións que procedan logo dun requirimento municipal con quince días hábiles de prazo.

 

Traballos nos que a norma non se aplica

A futura ordenanza municipal aplicarase sobre os desprazamentos de vehículos e maquinaria previos á tala da madeira, a preparación de terreos e accesos a fincas, ou traballos como a preparación da madeira, e o seu depósito, carga e transporte. En xeral, inclúen calquera operación susceptible de danar os viais públicos locais, como eliminación de arrós ou apertura e ampliación de accesos, e tarefas que poidan ocasionar a erosión pistas polo cambio nas achegas de auga.

 

En cambio, quedan excluídas da aplicación da ordenanza as talas puntuais de árbores illadas, as podas en plantacións forestais, o clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos, os traballos de roza e limpeza de predios, as talas para aproveitamentos domésticos con vehículos agrícolas, as intervencións para eliminar unha situación de perigo para persoas ou bens, e plantacións feitas de xeito manual ou con maquinaria de pequeno tamaño que non ocasione movementos de terras nin obrigue a construír ramplas de acceso.

monte Teo