O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

RAFAEL SISTO, NOVO ALCALDE DE TEO RECIBE O BASTÓN DE MANDO DO CONCELLO DE MANS DE MARTIÑO NORIEGA

| compartir:

Rafael Sisto é xa o novo acalde de Teo. Esta mañá recibía o bastón de mando do Concello de mans de Martiño Noriega nun dos momentos máis emotivos da sesión. O candidato de Son de Teo-Anova obtivo na votación a maioría absoluta cos votos favorables dos/as sete concelleiros/as do seu grupo e dos dous edís do PSdeG-PSOE, a quen agradeceu expresamente pola confianza e o seu apoio. 

O seu discurso de investidura comezou confesando que para el "é un orgullo recibir o bastón de mando de Martiño Noriega" e realizoulle o encargo de "facer de Compostela a capital do mundo". Rafael Sisto expreosou o seu "compromiso coa cidadanía de Teo sen exclusión, compromiso de responsabilidade e trato igualitario sen discriminación e compromiso dos intereses colectivos por riba dos particulares".

Co caxato de Avelino Pousa Antelo nunha das paredes do salón de plenos asegurou que "na súa lembranza prometo desempañar o cargo de alcalde de Teo con honradez  e entrega na defensa da xente e da terra, apañermos as estrelas co teu caxato Avelino".

O novo alcalde tivo un recordo para o seu avó José María Sisto Bustelo, elixido concelleiro o 12 de abril de 1931. "Como membro da corporacion que cambiou a realidade do estado asinou a acta de proclamación da República no salón de plenos do concello a noite do 14 de abril de 1931 e nós asumimos eses valores republicanos de xustiza, liberdade, traballo e diginidade".

Rematou a súa intervención facendo unha petición: "sede a cidadanía activa e comprometida que controle os nosos actos, non sexades complacentes, reclamade e esixídenos. Seremos as vosas mans pero queremos que sexades o noso corazón e a nosa cabeza".

O acto pechouse co público en pé cantando o himno galego. 

Premendo aquí pódese ver o pleno consitutivo e elección do alcalde (a sesión comeza a partir do minuto 27)

teo