O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

HOMENAXE A ÁNXEL CASAL NO OCTOXÉSIMO ANIVERSARIO DO SEU ASASINATO

| compartir:

O Concello homenaxeou a Ánxel Casal no octoxésimo aniversario do asasinato do último alcalde republicano de Santiago. Os actos, aos que acudiu máis dun centenar de persoas, puxeron o acento na necesidade de recuperar e preservar a memoria de figuras que, como a de Casal, puxeron os alicerces dunha sociedade mellor.

A parte institucional da homenaxe foi presentada pola concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, e contou coa asistencia de Xosé Manuel Sande e Silvia Cameán, concelleiro de Cultura e concelleira de Xustiza Social da Coruña; do alcalde de Santiago, Martiño Noriega; do concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte; e do alcalde en funcións de Teo, Ignacio Iglesias. Por un imprevisto de última hora, non houbo representación do Concello de Arzúa, de onde é orixinaria a familia de Casal, que tamén colabora nesta homenaxe.

 

Na súa intervención, Pilar Faxil sinalou que “estamos aquí por teimosía, porque seguimos teimando cada ano e cada día en non esquecer, porque temos memoria, porque aínda hai mortos nas gabias”. A concelleira de Cultura teense indicou que, cos asasinatos de Casal e ou de Federico García Lorca, “o fascismo quixo matar a liberdade asasinando a cultura”, como tamén exterminou a numerosas persoas “que tiñan como gravísimos delitos un profundo compromiso coa súa terra e, sobre todo, coa súa xente”. “Por iso seguímonos sentindo orgullosas de continuar co seu legado”, afirmou Faxil.

 

A continuación, de Consuelo Villalobos, da asociación pola recuperación da memoria histórica A Oliveira, describiu o terror e represión desatados a raíz do golpe de estado de xullo de 1936 e a cantidade de vítimas que se produciron en Galicia, que “foi un gran campo de concentración” por aqueles anos. E defendeu que “a recuperación da memoria das vítimas é un acto de xustiza nunha sociedade que se considere democrática”, polo que instou ás institucións do Estado a non descoidar tal tarefa.

 

Xosé Manuel Sande incidiu na necesidade da reparación moral de personaxes como Casal e destacou a súa faceta como editor, publicando os 'Seis Poemas Galegos' de Federico García Lorca, asasinado o mesmo día que Casal. O responsable de Cultura do Concello da Coruña expuxo que o rueiro da súa cidade conservaba nomes vinculados ao golpe de estado e en cambio excluía o de Casal, unha situación que o Concello está corrixindo.

 

Martiño Noriega situou o auditorio no Santiago de comezos de 1936, unha cidade na que inzaba a cultura e os movementos sociais e políticos que procuraban un mundo mellor. O golpe fascista “fíxonos pasar de toda esa cor ao branco e negro, porque aquí non houbo guerra, houbo exterminio e represión”, asegurou o alcalde de Santiago, á vez que precisou que “roubáronnos moito futuro e aínda hoxe o estamos a pagar, pero non nos poden roubar agora nin a memoria nin a esperanza dun mundo mellor”.

 

O alcalde en funcións de Teo, Ignacio Iglesias, fixo ver que do asasinato de Ánxel Casal pasaron oitenta anos “pero só hai dez que os lembramos cun acto institucional, porque houbo moito que agardar e aínda moitas vítimas seguen nas cunetas”. Iglesias explicou o atraso sociolóxico que supuxo o golpe de estado: “devolvéronnos á Idade Media cando eramos vangarda en moitos aspectos” e instou a que “aínda que o golpe triunfou en 1936, é responsabilidade nosa que non siga amargándonos a vida”.

 

Tras as intervencións, procedeuse á ofrenda floral, acompañada polos acordes do Himno Galego, ante o monólito que lembra a figura de Casal no lugar no que apareceu o seu corpo en agosto de 1936 tras serpaseado, na Estivada da Ribeira (Cacheiras). Das interpretacións musicais encargáronse Xiana Lastra (voz), Andrea Porto (guitarra) e Roberto Rama (saxo e gaita).

homenaxe Anxel casal