O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

XORNADA MICOLÓXICA E GASTRONÓMICA NO CONCELLO DE TEO (3ª edición)

Data e hora

Localización
Casa Común de Rarís
Como chegar

Prazas dispoñibles
27
Inscribirse

Prazas por persoa
1

A terceira edición das Xornadas Micolóxicas e Gastronómicas do Concello de Teo propón un día completo para achegarnos ao mundo dos cogomelos desde diferentes perspectivas: coñecelos, observalos no seu hábitat, aprender a identificalos e descubrir as súas posibilidades na cociña.

Comezaremos na Casa Común de Rarís cunha introdución divulgativa ao reino Fungi e aos principais grupos de cogomelos que podemos atopar na nosa contorna.

A continuación, desprazarémonos en vehículos particulares ata a fraga ou devesa que presente as mellores condicións para realizar a saída. Durante o percorrido aprenderemos a observar, identificar e recoller os exemplares de maneira responsable.

De regreso en Rarís, compartiremos un xantar campestre. Pola tarde revisaremos e clasificaremos as especies atopadas coa axuda de guías e claves dicotómicas.

Como peche da experiencia, gozaremos dunha sesión de cociña ao vivo e degustación, coa elaboración de pratos sinxelos a partir de cogomelos da contorna.

Programa

10.00 h · Benvida e presentación: O reino Fungi
10.30 h · Os principais grupos de cogomelos
11.30 h · Saída ao campo para a identificación e recollida de exemplares
14.30 h · Xantar campestre
15.45 h · Clasificación das especies recollidas mediante guías e claves dicotómicas
17.00 h · Cociña ao vivo e degustación

Información práctica

  • O desprazamento ata o lugar da saída realizarase en vehículos particulares.
  • Cada participante deberá levar a súa propia comida e bebida para o xantar.
  • Recoméndase levar vestimenta e calzado axeitados para camiñar polo monte, adaptados ás condicións meteorolóxicas.
  • A sesión de cociña ao vivo e degustación terá unha duración aproximada de dúas horas.

A realización e o desenvolvemento das diferentes actividades poderán adaptarse ás condicións meteorolóxicas e á idoneidade do lugar elixido para a saída ao monte.

Observacións
Recomendacións e consellos útiles:
Para aproveitar mellor a xornada, recoméndase levar:
- Libreta e bolígrafo para tomar notas, especialmente durante a presentación sobre os principais grupos de cogomelos, na que se explicará como utilizar correctamente as guías de identificación.
- Cesta de vimbio ou de castiñeiro.
- Navalla.
- Vestimenta e calzado axeitados para camiñar polo monte, adaptados ás condicións meteorolóxicas previstas para ese día.

Alerxias e intolerancias alimentarias
- O prato elaborado durante a experiencia de cociña ao vivo non conterá ingredientes con glute nin lactosa.
- As persoas con enfermidade celíaca, alerxias ou intolerancias alimentarias deberán indicalo no campo «Observacións» da plataforma de inscrición, especificando claramente os alimentos ou substancias que deben evitar.
- Esta información é necesaria para poder valorar previamente as condicións de manipulación e o posible risco de contaminación cruzada.

Información importante sobre a reserva
A actividade é gratuíta, pero as prazas son limitadas e requiren inscrición previa.
Reservar unha praza implica un compromiso de asistencia. Se finalmente non se pode acudir, é imprescindible comunicalo coa maior antelación posible a través dunha destas vías:
- Correo electrónico: turismo@teo.gal
- WhatsApp de Teo Turismo: 698 18 68 91
⚠️ As cancelacións deberán comunicarse exclusivamente a través do enderezo electrónico ou do número corporativo indicados. Non se tramitarán as enviadas ao correo automático de confirmación nonresponder@teo.gal.
As ausencias non comunicadas terán as seguintes consecuencias:
Tras unha primeira ausencia, a persoa pasará á listaxe de agarda nas seguintes actividades nas que se inscriba.
Tras unha segunda ausencia, non poderá formalizar novas inscricións.
Agradecemos a responsabilidade e a colaboración de todas as persoas participantes para facilitar un acceso xusto ás experiencias.
Inscribirse
XORNADA MICOLÓXICA

Outros eventos por vir